O Alcalde clausura o Programa Deportivo de Verán do Concello, destacando o gran éxito de participación

Monforte de Lemos, 12 de agosto de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, fixo entrega hoxe no pavillón da Pinguela dos diplomas acreditativos ós nenos e nenas que participaron na terceira e última quincena do Campamento Deportivo de Verán do Concello de Monforte.

O rexedor monfortino resaltou “o éxito rotundo da edición deste ano no que son as actividades tanto do Campamento Deportivo de Verán que vimos de clausurar, como do Campus de fútbol que organizamos co R.C Celta de Vigo, e os cursos de tenis, actividades nas que participaron un total de 459 nenos e nenas”.

En concreto, das 360 prazas ofertadas para os Campamentos Deportivos cubríronse 340. No caso do Campus de fútbol do R.C. Celta de Vigo-Concello de Monforte, foron cubertas o 100% das prazas ofertadas, é dicir 100. E polo que respecta os cursos de tenis, finalmente foron19 as prazas das que difrutaron os nenos e nenas monfortinos.

Polo tanto “isto supón todo un éxito de participación nas actividades que forman parte do noso Programa deportivo de verán, cumprindo así co obxectivo que nos marcábamos con este programa, o de facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar das súas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”, salientou José Tomé.