O Alcalde inaugura en Monforte a xuntanza de palilleiras máis multitudinaria da provincia de Lugo, con máis de 400 participantes de toda Galicia, Asturias e Castela e León

Monforte de Lemos, 3 de setembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de inaugurar na mañá de hoxe o “I Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra”, ubicado no Pavillón polideportivo do Colexio dos Escolapios.

No acto inaugural, o Alcalde estivo acompañado pola presidenta da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, Sesé Vila, pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e diversos membros do Equipo de Goberno municipal. O Concello organizou esta xuntanza en colaboración con dita asociación de palilleiras monfortina. Ademais, tamén acudiron diversos membros da Corporación municipal.

Na súa intervención, José Tomé deu á benvida ás máis de 400 palilleiras, vidas de todos os puntos de Galicia, de León e de Asturias, así como ós 9 comerciantes, provintes de distintos puntos de Galicia, e doutras comunidades, que conforman a zona de venta deste encontro, e que ofrecen exclusivamente produtos para palillar.

O Alcalde, aclarou que “en Monforte, na rúa do Cardenal, xa se teñen celebrado encontros de palilleiras máis reducidos, pero foron o xerme para que esta sexa a primeira vez que a cidade de Monforte acolle unha gran xuntanza de palilleiras, e para nós é un pracer que todas vostedes poidan amosar a súa arte ós nosos veciños e veciñas, así como as persoas que nos visitan”.

A organización desta gran xuntanza de palilleiras foi unha idea que xurdiu entre o Concello de Monforte e a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, e que estaba previsto celebrar no ano 2020. Daquelas, estaba practicamente todo ultimado para que se levara a cabo este encontro, pero a incidencia da pandemia impediuno, e obrigou a pospoñelo ata esta ano 2022 en que finalmente puido ser celebrado.

O Alcalde resaltou que o obxectivo perseguido coa organización deste Encontro “é amosar e por en valor a arte de palillar” e engadiu que “cremos que Monforte é o sitio idóneo, dentro do interior de Galicia e no sur da provincia de Lugo, para celebrar un gran evento coma este, tendo en conta a repercusión mediática que ten Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, e a propia Ribeira Sacra, dentro e fora de Galicia”.

Neste senso, o rexedor municipal resaltou o  importante impacto económico e de promoción turística que o evento xerará no Concello e na Ribeira Sacra, “evento que dinamizará sen dúbida sectores coma o noso comercio ou a nosa hostalería. Ó turismo, en definitiva.”

José Tomé aproveitou a ocasión para animar ás participantes a coñecer Monforte e a Ribeira Sacra, enunciándolles no seu discurso os principais atractivos turísticos desta zona, pois “son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados da nosa Comunidade, que están de moda, e como digo eu sempre que, son un anaco do Paraíso no interior de Galicia.”

O rexedor monfortino concluíu a súa intervención animando ás palilleiras a participar nunha vindeira edición deste Encontro en Monforte.

A continuación da intervención do Alcalde, tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas e do Grupo de Danza do Concello de Monforte, co obxectivo de darlles ás participantes a benvida ó Encontro e á Cidade.

As localidades galegas de procedencia das palilleiras protagonistas deste encontro foron Marín, Valga, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, O Grove, Pontevedra, Ourense, Oleiros, Burela, Sarria, Silleda, Redondela, Porto do Son, Salvaterra de Miño, Lugo, Ponteareas, Vigo, Tui, Abegondo, Mos, Camariñas, Vimianzo, Viveiro, Burela, Xove, Valdoviño así como de Monforte de Lemos. Tamén virán palilleiras provintes de Castela e León e de Asturias.

 

Resto de actividades programadas

Dentro dos actos previstos neste encontro, o Concello fará entrega dun agasallo ás mestras palilleiras presentes encontro, a partir das 13:00 horas. Do mesmo xeito, dende a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra tamén se levou a cabo a elaboración dun detalle conmemorativo do encontro, que inclúe un encaixe de cores, que será entregado a cada participante ó longo do día.

Durante o desenvolvemento da xornada, celebrarase tamén un Obradoiro de Costura Creativa, en dúas sesións, ás 11:30 e ás 17:00 h, con 10 prazas por sesión, e no que poderán participar aqueles que o desexen a partir dos 12 anos de idade.

 

PROGRAMA:

Pavillón dos Escolapios (entrada polo campo de terra):

10:30 h.- Recepción das palilleiras

11.30-13.30 h.- Obradoiro de Costura Creativa

12:00 h.- Inauguración da xuntanza de palilleiras a cargo do Sr. Alcalde de Monforte. A continuación, actuación do Grupo de Gaitas e do Grupo de Danza do Concello de Monforte.

12:00 a 14:00 h.- Palillada

14:00 h.- Xantar

16:30 h.- Palillada e sorteo de agasallos

17.00-19.00 h.- Obradoiro de Costura Creativa

19:00 h.- Despedida