O Alcalde valora a evolución das obras de mellora da Lagoa do Parque de Cobas, que suporán “un antes e un despois” desta zona de Monforte

Monforte de Lemos, 7 de setembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, visitou na mañá de hoxe as obras que se están a desenvolver para o acondicionamento e mellora da Lagoa do Parque de Cobas, que suporán, unha vez finalizadas,  a posta en valor desta zona: “un proxecto que suporá un antes e un despois para a zona da lagoa da Pinguela e o parque de Cobas, que estaba degradada” )”, salientou o Alcalde. Con esta mellora, completarase unha ampla zona de recreo de preto de 3 hectáreas (30.000 m2).  

En concreto, as obras abordan o acondicionamento da Lagoa do Parque de Cobas e a construción dunha nova presa desmontable, unha actuación que conta cun orzamento de practicamente 700.000 euros, concretamente 695.980,64 euros, a cargo da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

“As obras que se están a desenvolver” explicou o rexedor municipal “consisten na execución dunha serie de actuacións ambientais na área de A Pinguela, para poñer en valor esa zona, o que leva consigo a recuperación da zona da lagoa con actuacións que habiliten un espazo para uso e disfrute da poboación”. O proxecto leva a cabo o acondicionamento da Lagoa do Parque de Cobas, a construción dun paseo que conformará un circuíto ó seu arredor e a instalación dunha nova presa desmontable.

O Presidente da C.H. Miño-Sil anunciou que “as obras avanzan a bo ritmo e a estimamos que finalicen a finais de outubro”. As obras deron comezo a finais do pasado mes de xuño. Quiroga tamén destacou “que esta actuación rexenerará unha zona do río Cabe que conta cun cauce importante e que estaba totalmente degradada, e que será posta en valor, para o disfrute dos veciños de Monforte e dos visitantes da cidade.”

Actuacións de mellora na área da Pinguela

As obras que se están a desenvolver consisten na execución dunha serie de actuacións ambientais na área de A Pinguela, para poñer en valor esa zona, o que leva consigo a recuperación da zona da lagoa con actuacións que habiliten un espazo para uso e disfrute da poboación.

1.- Desbroce selectivo: O que se proxecta é a realización do acondicionamento ambiental do entorno da Lagoa do Parque de Cobas e tamén do cauce do río Cabe. Por este motivo, vaise realizar un desbroce selectivo mediante a eliminación das especies invasivas ou que poidan ser foráneas ou alóctonas, e procederase a plantar especies propias da ribeira do río.

2.- Estabilización do cauce do río Cabe: Para a estabilización do cauce do río Cabe proxéctase unha solución de bioinxeniería, mediante unha empalizada de troncos, a cal garantizará a estabilización do talud á vez que protexe aquelas marxes do río que son máis susceptibles de ser erosionadas en épocas de avenidas ou de fortes choivas.

3.- Acondicionamento do sendeiro peonil arredor da lagoa: Arredor da lagoa, existe un pequeno sendeiro, actualmente intransitable, o cal vai ser acondicionado e mellorarase o seu firme colocando chantos de pizarra no terreo existente, de forma que o sendeiro quede delimitado sen chegar a influír no ambiente da lagoa.

4.- Pasarela sobre o canal da lagoa: Na parte final do actual sendeiro, polo que non se pode transitar, proxéctase a construción dunha pasarela de madeira atravesando o canal de entrada á lagoa, e desta forma conséguese que a senda que se vai mellorar neste proxecto poida trazar un percorrido circular arredor da lagoa, conectando cos viais que xa hai na actualidade na zona que se axardinou.

5.- Demolición do AZUD existente: En cumprimento da normativa europea, os cauces dos ríos teñen que ter garantida a conexión lonxitudinal do seu cauce, e polo tanto, o que se vai facer é a demolición completa dos restos da presa que queda no cauce do río, provocada pola erosión que produciron as choivas do ano 2016.

Así, vaise acondicionar ese cauce cun muro de protección contra a erosión, para poder controlar os efectos que puidera ter o río Cabe neste brazo do río, que tan solo transportaría auga no caso de riadas ou aumentos de caudal.

6.- Retirada selectiva dos depósitos de materia orgánica do cauce do río: Isto consiste na retirada de acarreos de materia orgánica depositados ó longo do río Cabe polas correntes que foron depositando ó longo dos anos e tamén se contempla a retirada dos mesmos do canal de entrada á lagoa, xa que no momento actual encóntrase cheo de sedimentos e vexetación.

7.- Construción dun AZUD desmontable: Para substituír a vella presa, cuxos restos vanse retirar para darlle continuidade ó cauce do río, vaise construír un AZUD desmontable que permite dar esa continuidade lonxitudinal ó cauce natural do río Cabe e, ó mesmo tempo, mellora a recarga subterránea da auga da lagoa, creando unha lámina de auga semellante á que consigue crear a presa do Parque dos Condes.

En época de estiaxe, a lagoa é máis sensible ás variacións que poida haber no rio Cabe, xa que, debido ós caudais é mais difícil a recarga superficial da mesma a través do canal de entrada na lagoa.

En previsión de fortes tormentas ou de fortes choivas, habería que desmontar o AZUD para facilitar o paso da auga e evitar danos na medida do posible.

8.- Construción dunha escala de peixes: Tamén se inclúe a construción dunha escala de peixes de madeira para garantir a permeabilidade lonxitudinal da fauna piscícola ó longo do río e que o AZUD non supoña un obstáculo para a diversidade da zona.

A escala de peixes deséñase en madeira tratada en autoclave para evitar a súa putrefacción e seguindo a normativa vixente de vigas artesás para ríos.