O Concello informa do dispositivo de seguridade da romaría do San Mateo

Monforte de Lemos, 20 de setembro de 2022. O Concello de Monforte, informa sobre a  organización do operativo de seguridade para o día de San Mateo, que se celebra este mércores, 21 de setembro.

No dispositivo participarán, coordinados pola Policía Local, outros Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, así como persoal colaborador municipal de Servizos á Cidadanía, e de Protección Civil. O obxectivo é que a festa se celebre coa maior tranquilidade posible.

Cómpre destacar que o dispositivo inclúe unha ambulancia contratada polo Concello, por se fose preciso atender a algunha persoa. Tamén haberá un camión de servizo de extinción de incendios.

O mércores, 21 de setembro, a parroquia de A Parte acollerá numerosos visitantes e, por ese motivo, na xuntanza acordouse establecer un único sentido de circulación na estrada de acceso ó campo da festa, con entrada dende a parroquia de Valverde e saída pola estrada do canal de regadío e Reigada. A zona estará sinalizada e haberá un control de tráfico permanente.

 

Axentes no campo da festa

O dispositivo de seguridade estará dirixido pola Policía Local, que contará coa colaboración da Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico.

Os axentes da Garda Civil vixiarán as saídas e as entradas ó lugar da romaría. Ademais, a Policía Local velarán pola seguridade do recinto da festa e dos seus arredores; tamén haberá efectivos da Policía Nacional. De feito, a noite previa á celebración da romaría haberá xa unha patrulla da Policía Nacional na zona, posto que se prevé que acuda xente para acampar. Todos estes axentes contarán coa colaboración do persoal de Servizos á Cidadanía e persoal colaborador de Protección Civil.

Por outra parte, xa o día anterior, o Concello dotará o recinto da festa de varios contedores para que a xente poida depositar neles os residuos.