O Concello inicia mañá unha campaña informativa sobre recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado

Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer a posta en marcha dunha nova campaña medioambiental encamiñada a proporcionar información sobre a recollida e reciclaxe aceite de cociña usado, e dirixida a todos os monfortinos e monfortinas. Esta programa de carácter informativo e educativo está organizado polas Concellerías de Medio Ambiente e Servizos do Concello de Monforte.

“Baixo o lema Reciclando aceite evitas que se contamine a auga”, sinala o rexedor monfortino, “o noso obxectivo é informar ós nosos veciños e veciñas, así como os alumnos e alumnas dos centros educativos de Monforte sobre necesidade de reciclar axeitadamente o aceite de cociña usado, a través dos contedores que o Concello ten ubicado en distintos puntos da cidade”. O obxectivo final é conseguir un aumento no volume de aceite recollido, tendo en conta que “cada litro de aceite de cociña usado contamina 1.000 litros de auga”, destaca José Tomé.

Neste senso, o Concello instalará a vindeira semana 6 novos contedores urbanos para a recollida de aceite usado, que se engaden ós 14 xa existentes en distintos puntos da cidade.

Os novos contedores están ubicados nas rúas Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Fereiro, Reboredo, Cobas, Corredoira e Chantada.

Os 14 colectores restantes ubícanse en rúa Roberto Baamonde nº 110, rúa Leopoldo Calvo Sotelo nº65, Barrio da Pínguela xunto á illa de reciclaxe, en rúa Chantada nº 123, en rúa Corredoira na entrada do Hospital, en rúa Escultor Francisco Moure nº 26, en rúa San Pedro nº 41 entrada Instituto Río Cabe, Avenida de Galicia entrada aparcamento de Familia, rúa Ourense esquina rúa Teceláns, rúa Malvaron con rúa Benito Vicetto, Praza de Carude, rúa A Coruña fronte a gasolineira, praza Doutor Goyanes con rúa Hortas e rúa Morín fronte á rúa López Suárez. O Concello de Monforte leva recollendo aceite usado 15 anos seguidos, dende 2007.

A campaña dará comezo este venres 11 de novembro con charlas a alumnos e alumnas de distintos centros educativos de Monforte e se prolongará ata o vindeiro xoves 17. Ten por obxectivo informar ós veciños e veciñas sobre as claves para levar a cabo unha axeitada reciclaxe deste residuo que se xera nas cociñas dos fogares e que é altamente contaminante para a auga, se non se recicla axeitadamente nos contedores habilitados para elo.

A campaña informativa, ademais das charlas en centros educativos de Monforte, contará tamén con accións a pé de rúa a través de carpas informativas, e unha charla informativa na Casa da Cultura, o vindeiro mércores 16 de novembro ás 6 da tarde e dirixida a toda a cidadanía.

Nestas accións farase un reparto de información directa ó cidadán, a través de flyers e tamén se obsequiará os participantes nas diferentes actividades cun funil promocional.

 

Accións en centros educativos

Nos centros educativos de Monforte terán lugar 9 charlas educativas a cargo de monitores especializados.

Venres 11 de novembro 2022:

9:00 h.- Colexio Novo: 35 alumnos.

10:00 h.- Colexio A Gándara: 38 alumnos.

11:00 h.- Colexio Ferroviario: 39 alumnos.

13:00 h.- Colexio PP Escolapios: 86 alumnos.

Martes 15 de novembro 2022:

9:00 h.- Colexio Torre de Lemos: 43 alumnos

10:25 h.- IES Daviña Rey.

11:00 h.- Infanta Elena: 32 alumnos.

12:00 h.- IES Río Cabe.

16:25 h.- IES A Pinguela. Nº de alumnos 42.

 

Accións a pé de rúa e charla na Casa da Cultura

As accións consistirán na instalación dunha carpa informativa dende a que se repartirán folletos con información sobre esta campaña así como a ubicación dos 20 colectores de recollida de aceite usado que hai Monforte. A todas as persoas que se interesen polo tema, se lles obsequiará cun funil promocional para facilitar a recollida do aceite usado en botellas, co obxecto de poder depositalo nos colectores para elo habilitados.

Esta carpa informativa estará ubicada, o martes día 15 de novembro na Praza de Abastos (11:00-13:00 horas) e posteriormente na zona do novo Parque público do Barrio do Hospital (11:00-13:00 horas).

O mércores 16 a carpa situarase na rúa do Cardeal, de 11:00 a 13:30 horas.

Pola tarde, ás 18:00 horas, a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte, acollerá unha charla informativa, dirixida á toda a poboación en xeral, arredor deste tema da recliclaxe de aceite de cociña usado. Neste encontro cos veciños e veciñas de Monforte, repartiráselles información así como se lles obsequiará tamén co funil promocional desta campaña.

 

Beneficios na reciclaxe de aceite  usado

Cada tonelada de aceite recollida e transformada en biocarburante representa un aforro de 3 toneladas en emisións de Co2 (Segundo estudo de Febreiro 2021 da Asociación EWABA  “European Waste-to-advanced Biofuels Association”). Cando non existe un sistema de reciclaxe doméstica a práctica habitual é verter os aceites usados polo desaugadoiro o cal supón un perigo ambiental dado que cada litro de aceite de cociña usado contamina 1000 litros de auga.

En canto aos beneficios ambientais e económicos derivados de proxectos divulgativos coma o que pon en marcha o Concello de Monforte,  destacamos os seguintes:

  • O biocarburante fabricado a partir de aceites vexetais usados xera un 90% menos de emisións que os carburantes tradicionais de orixe fósil.
  • Redución das avarías por atascos nas redes de rede de sumidoiros.
  • Redución de custos no depurado de augas.
  • Redución de verteduras no medio natural.
  • Redución microorganismos nas redes de rede de sumidoiros derivadas da descomposición dos aceites vexetais.
  • Redución de gases efecto invernadoiro xerados por carburantes tradicionais.
  • Obtención de materia prima sustentable a partir dun residuo.