O Equipo de Goberno inaugura o Mercado de Nadal de Monforte, con oferta comercial e actividades de lecer durante toda a fin de semana

Monforte de Lemos, 10 de decembro de 2022. A primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acompañada polas Concelleiras de Cultura, Marina Doutón, de Consumo, Regina López, de Muller e Igualdade, Margarita López, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, inauguraron na mañá de hoxe o Mercado de Nadal- Circuítos de Artesanía e Música Galega, na Praza de Abastos de Monforte.

A actividade encádrase no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

 

Mercado de Nadal de Monforte

O Mercado de Nadal de Monforte, abre hoxe sábado en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Mañá domingo día 11 abrirá de 11:00 a 14:00 horas. Este mercado celebrarase durante tres fins de semana consecutivas neste mes de decembro, concretamente os días, 10, 11, 17, 18, 23 e 24.

No Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade. Esta fin de semana, o Mercado de Nadal conta con 14 expositores.

 

Programación para todos os públicos

Ademais da oferta comercial, o Mercado de Nadal ten un variado programa de actividades dirixido a toda a familia e que se celebrará na propia Praza de Abastos.

Hoxe, de 10 a 12 da mañá, celebrouse o espectáculo “Un saco de contos” de Ángeles Goás. Unha sesión onde foron os nenos e nenas os que axudaron a ir sacando contos dun saco máxico que pide trabalinguas ou recitados a cambio de amosar os contos que garda no seu interior.

Pola tarde, de 18 a 20 horas,  terá lugar un Obradoiro artesanal có artesán Noe do Taller RioMao Estudio Creativo para nenos e nenas. Neste obradoiro, os participantes farán a montaxe e decorado de pezas únicas que poderán utilizar como agasallos, ben en madeira, espellos... As inscricións serán por orde de chegada, ata cubrir 10 prazas, tendo a posibilidade de facer dous grupos, un tras o outro; a idade mínima para participar será de 8 anos.

O domingo 11 de decembro ás 12 horas, a Praza acollerá o espectáculo “Maxia Familiar” co Mago Deimi. Este mago é natural de Ribadavia (Ourense) e vive a maxia dende ben cativo, unha afección que non deixou de cultivar ata a actualidade. O espectáculo de maxia que trae a Monforte é moi variado e divertido, onde predomina o seu dinamismo cun estilo cómico e desenfadado. Ofrece ó público familiar unha variedade de xogos: cartomaxia, manipulación, escapismo, mentalismo, maxia bizarra, levitacións, aparicións, maxia con lume, desaparicións, transformacións... Todo acompañado de gags, moi bo humor e música de fondo para marcar o ritmo da maxia e a participación activa do público. Ó facer partícipe a este, o espectáculo de maxia faise máis crible e inesquecible para os asistentes.

 

Actuacións na rúa do Cardenal para animar ó comercio e á hostalería

Cada fin de semana, e como complemento a este Mercado de Nadal, terá lugar a actuación diversos grupos musical nun escenario ubicado na rúa Cardenal, que animarán ás rúas comerciais e os negocios de hostalería.

Así hoxe sábad0, a partir das 20:30 horas, o grupo Dixie Kings sairá dende a praza de Abastos, para facer un pasarrúas polas zonas comerciais e finalizar no escenario navideño instalado na rúa do Cardenal, no que, sobre as 21:15 horas fará a súa actuación navideña.