Monólogo con Tito Rober, este mércores ás 8 da tarde na Casa da Cultura

Monforte de Lemos, 02 de xaneiro de 2023. O Concello de Monforte de Lemos, dentro do seu programa de actividades para o Nadal 2022-23, celebrará un monólogo a cargo de Tito Rober, titulado "Grandes hits" na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro este mércores 4 de xaneiro ás 20:00 h.

Tito Rober é un humorista ourensán afincado na Coruña que ten xa unha traxectoria contrastada nisto do humor, con premios recibidos en certames de monologuistas antes da pandemia.

Tamén ten colaborado en programas da TVG e dende hai un tempo traballa moito a improvisación. Neste eido, participa en espectáculos nos que comparte escenario con grandes do humor como Oswaldo Digón, entre outros.

No monólogo que presenta para esta ocasión, ademais dos seus grandes hits, haberá ocasión de escoitar anécdotas de bares; eses bares que foron a universidade deste cómico con anécdotas de todas as cores; historias sobre as relacións de parella; situacións que nos trouxo e deixa a pandemia; o 'satisfayer'...

En fin, moito de que falar para pasar unha noite de humor con este “todoterreo da risa”.