O Alcalde anuncia que o monfortino Edgar Cloos será o pregoeiro das Festas Patronais 2023

Monforte de Lemos, 15 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar quen será o Pregoeiro das Festas Patronais de 2023. Trátase do monfortino Edgar Amando Cloos Fernández.

O Alcalde xustifica a súa elección en que “é unha figura moi importante na historia recente de Galicia e da nosa provincia no que se refire ó ámbito xudicial, pois desempeñou unha importante labor tanto no xulgado de Cambados, como nos xulgados de Lugo e especialmente na Audiencia Provincial de Lugo, da que foi presidente ata a súa xubilación.”

Edgar Amando Cloos Fernández naceu en Monforte de Lemos en 1957.

É fillo de Guillermo Fernández Otero, que foi alcalde de Monforte de Lemos, e de Anita Cloos Haubach.

Estudiou nos PP Escolapios e, os catro últimos cursos de bacharelato, no Instituto de Monforte, o único existente  naquel momento, e que hoxe é o IES Rio Cabe, de cuxa última promoción de graduados foi padriño neste pasado mes de xuño de 2023.

Edgar Cloos estudiou a carreira de dereito na Universidade de Santiago de Compostela, única existente naquel momento.

É xuíz por oposición libre, tendo desempeñado as funcións, primeiro de xuíz e despois de maxistrado, inicialmente en Cataluña, no xulgado de Granollers, e despois, xa en Galicia, no xulgado de Cambados, en épocas de moitas operacións de contrabando primeiro e de narcotráfico despois.

Logo, xa na cidade de Lugo, foi xuíz primeiro nos Xulgados e despois na Audiencia Provincial, da que, desde o ano 2002 é presidente da Sección segunda e sendo nos últimos anos, ata a súa recente xubilación, presidente da Audiencia Provincial de Lugo.

Desde a súa chegada a Cambados, no ano 1986, foi dos primeiros maxistrados en utilizar e normalizar o uso de idioma galego nas salas de audiencia e nas súas resolucións xudiciais.

En todo o seu periplo vital, que desenvolveu sempre fora de Monforte, seguiu, e segue tendo, presencia constante na súa cidade, en fins de semana ou vacacións e, desde a súa recente xubilación, dun xeito máis constante.

O Alcalde tamén destaca o compromiso de Edgar Cloos con Monforte: “É fillo, pai, marido e irmán de monfortinos, toda a súa vida familiar xira ao redor da súa cidade. De feito, na homenaxe que se lle tributou recentemente como consecuencia da súa xubilación, acto que tivo unha asistencia multitudinaria e unha gran repercusión social e cívica, reiterou e proclamou no seu discurso o súa monfortinidade e reivindicación da Ribeira Sacra”.

Edgar Amando Cloos Fernández será así o encargado de inaugurar co seu pregón, e xunto co Alcalde, as Festas Patronais de Monforte de Lemos o venres 11 de agosto, ás 8 e media da tarde (20:30h.)