O teatro volve a Monforte este xoves con Gloria Nacional, da compañía Teatro do Noroeste

Monforte de Lemos, 2 de outubro de 2023. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no segundo semestre do ano 2023, unha vez rematado o programa do Verán Cultural.

Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 5 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Gloria Nacional, da compañía Teatro do Noroeste, obra escrita e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada por Miguel Pernas, Luma Gómez e Manuela Varela.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Sinopse

Uxío Rodas, escultor e pintor duns 60 anos, é considerado polos seus contemporáneos unha auténtica “gloria nacional”. As súas esculturas están nos mellores museos internacionais e ten sobre as súas costas unha longa e importante carreira de creador honesto e impoñente, con exposicións e grandes ventas en todos os países do mundo.

Agora atopámolo no seu estudio construído nunha antiga granxa de vacas, apartado da civilización, tentando concentrarse no seu traballo máis importante. Efectivamente, o goberno do seu país, a través do seu presidente (antigo camarada de Uxío agora convertido en moderado) vén de encargarlle unha escultura monumental que se colocará na praza principal da capital, remodelada para tal fin. Unha escultura que represente e simbolice á nación.

Uxío púxose ao traballo, inicialmente con todo o pulo do mundo, pero chegou a un punto sen retorno. Non sabe como continuar. Efectivamente, Uxío enfróntase a unha profunda crise creativa acompañada, para abondar máis na parálise, nunha tamén profunda crise dos valores sociais: a política, o país, a nación, a patria... son conceptos nos que xa non cre. De xeito que se atopa no seu estudio, ante unha inmensa construción en pedra medio feita, medio desfeita, que non sabe o que é e que preside o centro do lugar e do seu desorde.

Visita o estudio de Uxío para saber algo do seu representado, Carme Facal. Carme é unha muller duns 65 anos, que rexenta a galería que representa a Uxío e, ademais, organiza unha feira de arte contemporánea de grande importancia. Coñece a Uxío desde hai moitos anos e en todas as súas facetas: cando comezou a ter éxito, cando aínda non era ninguén e agora que todas as galerías e museos do mundo queren telo nas súas coleccións.

Uxío debate con Carme sobre o ben e o mal, e Carme sempre pon sobre o debate a retranqueira sabedoría de ter andado medio mundo.

O goberno está preocupado polo retraso na entrega da obra, a praza xa está a punto, pero non se pode inaugurar porque falta a escultura central símbolo da nación. Achégase o día da patria, o máis axeitado para organizar a solemne inauguración, pero non parece que vaia ser posible.

O presidente envía ao estudio de Uxío á ministra de cultura, para que presione ao creador.

Maribel Álvarez-Prieto, a ministra de cultura, é unha universitaria brillante de trinta e moitos anos, elegante e espelida, filla, á súa vez, dun camarada común ao escultor e ao presidente. Os tres compartiron as loitas estudantís das súas, xa hai moitas décadas, batallas políticas na universidade.

O encontro das tres mentalidades: a de Uxío, na crise existencial de non retorno; a de Maribel, a xuventude executiva da nova realidade e a de Carme, a sabedoría de quen o ten vivido todo, xeran, nesta obra, unha comedia de profundo contido social.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Unha inimiga do pobo da compañía Talía Teatro que terá lugar o xoves 26 de outubro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.