O Alcalde inviste 50.000 euros máis para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar modalidade de dependencia

Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que, na súa acción de goberno para atender ás necesidades dos veciños da cidade, decidiu ampliar orzamentariamente en 50.000 euros o investimento no contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), en concreto na modalidade de dependencia.

Este incremento, supón un esforzo económico moi relevante levado a cabo polo executivo de José Tomé Roca, e permitirá poder axudar a persoas en situación de gran dependencia e dependencia severa, “xa que dende o Concello estamos moi preocupados por mellorar ós servizos a estas persoas, preocupación que a Xunta non manifesta”, destaca o Alcalde.

A vista das necesidades que se dan no servizo, especialmente nos grados de gran dependencia e dependencia severa, o Alcalde, foi sensible con estes usuarios e “dentro da nosa acción de goberno, na que poñemos por diante ás persoas, decidimos reforzar economicamente o servizo, e solicitarlle á Xunta as horas pertinentes, xa que é o organismo que ten as competencias para concedelas”, explica o rexedor monfortino.

Deste xeito, con este novo investimento de 50.000€, o Concello incrementará en 840 horas por mes o servizo de dependencia que ofrece a través do SAF. A previsión aproximada será a atención de 15 persoas grandes dependentes e dependentes severos, que actualmente están en lista de agarda.

“Con este gran esforzo económico que facemos dende o Concello”, destaca o Alcalde, “o noso obxectivo é atender ós grandes dependentes e ós dependentes severos, e ademais de prestarlles a atención que merecen, queremos apoiar as persoas coidadoras facilitando o respiro familiar e reducir a situación de sobrecarga que habitualmente existe.

O rexedor monfortino subliñou que “desta forma tentamos desconxestionar a lista de agarda existente, axilizando o proceso de alta e reducindo o tempo de espera para o acceso ó servizo dun maior número de persoas en situación de dependencia que en moitos casos están sendo atendidos a través do servizo que o Concello dispón en libre concorrencia e como medida de apoio mentres non acceden polo sistema de atención á dependencia”.

Pese a que a Xunta de Galicia é a que ten as competencias en servizos sociais, e polo tanto no servizo de axuda no fogar, sen embargo destina soamente 12 € por hora fronte ós 19,12 euros hora ordinaria e 21,98€ hora festiva que debe asumir o Concello. “Por iso, dende o Equipo de Goberno, consideramos necesario asumir este novo esforzo económico, para garantir un servizo axeitado e atender ás necesidades dos nosos usuarios”, destaca José Tomé.

“Cómpre salientar”, subliña o Alcalde “a prevalencia de avanzada idade das persoas dependentes que figuran neste servizo e a necesidade indispensable de atención nas actividades básicas da vida diaria principalmente das persoas gran dependentes, configurándose o SAF como un recurso de apoio fundamental para favorecer a permanencia no contorno destas persoas así como unha medida de reforzo na atención e respiro para os seus coidadores”.

A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou o luns 16 de maio de 2023 a adxudicación do contrato de Servizo de Axuda no Fogar á empresa Attende Care S.L por un importe de 5.513.724,58 € IVE incluído e un prazo de execución de tres anos.