O Alcalde defende a “recuperación da voz dos que morreron polas súas ideas” no Día das Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura

Monforte de Lemos, 31 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes nos actos organizados pola Fundación Luis Tilve, en colaboración coa propia institución provincial e municipal, con motivo do Día das Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura neste 31 de outubro, a data fixada para esta efeméride na Lei de Memoria Democrática aprobada o pasado ano.

Un encontro, subliñou José Tomé, de “homenaxe, de recoñecemento e de dignificación das vítimas”, tan necesario “para avanzar e para mellorar de cara ao futuro; para fortalecer as nosas institucións; para rexeitar os cantos de serea daqueles que disfrazan a involución como patriotismo ou como modernidade; e para dicirlles alto e claro, recuperando a voz dos que morreron ou dos que sufriron polas súas ideas, que o futuro só é de verdade futuro cando é sinónimo de progreso, de dereitos, de igualdade e de liberdade”.

Así mesmo, o Alcalde incidiu en que en España “levamos moito camiño andado para poder recuperar no noso país o retraso que sufrimos durante 40 anos de franquismo, pero, temos que seguir reivindicando e loitando polos avances e polos dereitos dos traballadores e das traballadoras. Sobre todo, porque estamos vendo hoxe no noso país e no conxunto de Europa unha nova vaga da extrema dereita, que rexeita no seu ideario avances como a redución da xornada laboral, as melloras nos permisos por paternidade ou as medidas en favor da igualdade entre mulleres e homes”.

Os actos comezaron no Monumento aos Ferroviarios, na estación de tren de Monforte, onde José Tomé estivo acompañado por José Benito Núñez López, presidente da Fundación Luis Tilve, e de Mario Franco, membro da FeSMC-UGT Galicia, ademais da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Servizos, José Luis Losada; e continuaron no Centro Cívico da cidade do Cabe cunha mesa redonda sobre O movemento obreiro en Monforte. O sindicato ferroviario, coa participación do Secretario Xeral de UXT en Lugo, Ángel Tomé; o secretario da Fundación Luis Tilve, Roxelio Pérez; e o presidente da Asociación de Amigos do Ferrocarril, Fermín Avellaneda, ademais do propio Presidente da Deputación e Alcalde de Monforte.

A Fundación Luis Tilve traballa pola difusión da cultura galega, concretando o seu campo na recuperación da historia do traballo e dos movementos obreiros galegos, ao tempo que leva a cabo actividades de actualidade para a análise da realidade social que envolve a Galicia dende distintas ópticas. Con motivo do Día das Vítimas da Guerra Civil e da Ditadura, fixado na Lei de Memoria Histórica recentemente aprobada, a entidade galega escolleu a cidade do Cabe pola importante represión vivida durante a Guerra Civil e a Ditadura. A Deputación colabora coa Fundación Luis Tilve co obxectivo de levar a cabo traballos de investigación sobre o movemento obreiro na provincia de Lugo e a súa repercusión a nivel de Galicia.