O Alcalde presenta os Orzamentos para o ano 2024, fundamentados en dous piares: os servizos sociais e as inversións, que aumentan un 62,22% máis que en 2023

Monforte de Lemos, 18 de novembro de 2023. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada, deu a coñecer na mañá de hoxe os Orzamentos Municipais para o ano 2024, “que presentamos en tempo e forma por noveno ano consecutivo, cumprindo o compromiso cos monfortinos e monfortinas que adquirín dende que son Alcalde, é dicir, dende o ano 2015”, destacou o rexedor monfortino.

José Tomé incidiu en que “seguimos facendo historia, xa que non hai constancia na historia recente dos gobernos municipais do Concello de Monforte de Lemos, de que ningún Alcalde aprobara os orzamentos en tempo e forma durante 9 anos consecutivos, como así o levamos facendo nós, para que os orzamentos entren en vigor a principios do ano entrante, neste caso o 2024”.

Os orzamentos serán levados a Pleno o vindeiro luns día 27 de novembro “no que esperamos que o resto dos grupos municipais tamén o apoien porque trátanse duns orzamentos que son bos para Monforte, e non hai razóns obxectivas para non apoialos, salvo si se practica a política do non polo non”, sinalou José Tomé. “Isto proba a nosa seriedade, de compromiso e de boa xestión que fai este Equipo de Goberno, porque novamente os orzamentos entrarán en vigor a principios do ano 2024, para que poidan ser útiles durante o conxunto do exercicio económico.”

Deste xeito, a previsión de ingresos e de gastos do orzamento para o ano 2024 é de 16.386.335,94€, máis de 16 millóns de euros, o que supón un incremento con respecto ó ano 2023 de 1.015.189,71€ (en 2023 era 15.371.146,23€), é dicir, un 6,60% máis.

INGRESOS

Os ingresos correspondentes á participación nos Tributos do Estado son de 4.420.000€, fronte ós 4.315.321,12€ de 2023, 104.678,88€ máis, o que supón un 2,42% máis.

Os Fondos de Cooperación cos Concellos da Xunta de Galicia aumentan só en 31.398,20€, “o que segue evidenciando que o goberno do Sr. Rueda, outro ano máis, non ten intención de axudar a Monforte como se merece nin ós Concellos en xeral” subliñou o rexedor monfortino.

Os ingresos que merecen unha especial atención, debido a que algún deles aumentan, segundo a previsión dos servizos económicos en base á execución de este ano, son os seguintes:

  • A partida correspondente ó IBI mantense cun ingreso previsto de 4.190.000€, “mantendo dende que chegamos ó Goberno, o mesmo gravamen de 0,60% que había cos anteriores, sen incrementar nada”.
  • Prevese un incremento de ingresos no Capítulo 2 debido ó aumento de participación por parte dos cidadáns nas actividades do Concello, como por exemplo, as Escolas Deportivas, a Piscina municipal, a Escola de Música e a Escola de Danza, así como o incremento da actividade comercial na Feira Medieval e no Festival do Viño, etc.
  • Tamén se reflexa un incremento neste capítulo, correspondente ó imposto do 1,5% que deben satisfacer as empresas enerxéticas, de telecomunicacións e de gas.

Neste apartado, o Alcalde explicou que tamén se prevé a posibilidade de concertar un crédito, de máis ou menos 750.000€, “que posiblemente non sexa necesario, debido á incorporación de remanentes en marzo, pero deste xeito xa non habería que facer outro Pleno, por rapidez e por operatividade, co obxecto de dar cobertura a convenios e investimentos que esperamos conseguir, xa que as negociacións van ben, e dos que daremos conta no seu momento”.

Todo elo, xunto cos demais ingresos e as aportacións de Tributos do Estado e do Fondo de Cooperación, fai que os ingresos cheguen a 16.386.335,94 euros.

 

GASTOS: desglose por Capítulos

O Capítulo 1 corresponde ó persoal, e nel aumenta o gasto en 230.250,81 euros, un 4,63% máis, quedando a partida total en 5.202.085,35 €, fronte ós 4.971.834,54 €, de 2023.

O Alcalde explicou que “esta subida corresponde ó incremento comprometido por este Alcalde que lles fala, para a aplicación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que por segundo ano consecutivo se ve reflexado nestes orzamentos”.

En concreto, aplícase o 33% en 2024, alcanzando xa o 67% e quedando pendente para o ano 2025 a aplicación doutro 33%. Esta porcentaxe do 33% obedece a que as prazas existentes perciben unhas retribucións superiores ás que viñan percibindo anteriormente, “o que supón unha mellora para todos os empregados públicos do Concello”.

Tamén se reflexa neste incremento, a cobertura de postos que se atopaban vacantes, tendo especial relevancia o incremento na cobertura da plantilla da Policía Local.

No Capítulo 2, correspondente ó gasto corrente, a partida total é de 8.898.094,31€, fronte os 8.623.398,39€ de 2023, polo que increméntase en 274.695,92€, o que representa un aumento porcentual do 3,19%, debido principalmente á aportación de gasto para o SAF.

O incremento do lixo, dado que sube o IPC tal e como ven establecido no contrato.

A limpeza e mantemento dos parques, como por exemplo, o Parque do Hospital, a Zona C, e tamén polo coste da enerxía eléctrica das diferentes edificios municipais, así como tamén para cubrir o incremento xeral que se da en diferentes servizos prestados dende o Concello.

O Alcalde salientou neste capítulo 2 que a “porcentaxe de subida con respecto ó ano 2023 redúcese, xa que en 2023 a subida era dun 4,74% (390.548,51€), mentres que este sube o mencionado 3,19%, é dicir, 274.695,92€. Isto tradúcese en que, a pesar de incremento de custes, debido a unha xestión rigorosa, o incremento entre 2023 e 2024 redúcese comparativamente”.

Neste punto, o Alcalde aclarou que “hai que ter en conta que aínda que contablemente inclúese como gasto corrente, aquí está incluída a Axuda a Domicilio, que para min non é un gasto, senón que é, unha inversión nas persoas”.

“Co cal reducimos a suba porcentual do gasto corrente un 1,55%, o que demostra unha boa xestión por parte de este Alcalde e de este Equipo de Goberno, xa que ó longo destes anos dende que estamos no goberno solventamos numerosos aspectos que permitiron reducir o gasto non produtivo ou social”.

No Capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, a partida total é de 1.185.076,58€, fronte ós 1.132.814,12€ de 2023, polo que aumenta en 52.262,46€, o que significa un aumento do 4,61%, a incrementos en subvencións en deportes, en subvencións nominativas a entidades, nas festas das parroquias e dos barrios, os Xogos do Eixo Atlántico, investimentos,  entre outros..

Nos Capítulo 6 y 7, o importe destinado a inversións para o ano 2024 é de 1.014.079,70€, fronte ós 625.099,18 € que se tiñan no ano 2023, é dicir, 388.980,52 € máis, un 62,22% máis, “quizais, o maior incremento na historia do Concello de Monforte con fondos propios” subliñou José Tomé.

“Isto significa que imos seguir facendo inversións tal e como se viñan facendo estes anos, ben sexa de forma directa ou complementadas con fondos xestionados doutras Administracións e van servir para seguir a folla de ruta deste Equipo de Goberno durante o 2024”.

E o Alcalde anunciou que “proximamente daremos conta de como mínimo dous convenios con inversións moi importantes para Monforte, ó igual que fixemos onte, co convenio da Ronda Urbana”.

En resumo, o orzamento do Concello de Monforte para 2024 ascende a 16.386.335,94€,  é dicir, 1.015.189,71€ máis, un 6,60% máis que en 2023 (15.371.146,23€). A isto hai que engadir as inversións que están en execución ou comprometidas.

Este orzamento é froito do rigor e da boa xestión económica que dende o Equipo de Goberno vimos realizando dende que estamos ó fronte deste Concello, dende hai máis de 8 anos”.

Ademais conxélanse as taxas e impostos, e que non hai ningunha subida, a excepción daqueles servizos que están suxeitos a contrato e que teñen cláusula de actualización do IPC, como son a auga e o lixo.

E séguense mantendo a redución da taxa do Cemiterio nun 50%, o que resulta moi positivo sobre todo para as persoas maiores, que son as que maioritariamente teñen ó seu nome os nichos, e polo tanto son as que maioritariamente pagan a taxa do Cemiterio.

José Tomé amosou a súa satisfacción afirmando que “estes orzamentos para o ano 2024 apóianse en dous pilares fundamentais que son os servizos sociais e as inversións. Queda claro que son efectivamente, sociais, porque o noso obxectivo son as persoas, e que todos os veciños e veciñas que o necesiten, teñan a seguridade de que o Concello vainos apoiar”.

 

Os SERVIZOS SOCIAIS, un dos piares básicos dos orzamentos

O gasto social destinado para o ano 2024 na Axuda no fogar (SAF) ascende a 1.894.033,64€. Esta partida contempla os 50.000€ que o Alcalde decidiu engadir ó importe xa elevado do SAF no presente ano, “porque saben perfectamente que para min son fundamentais as persoas, e sobre todo as persoas maiores e máis vulnerables”.

De aí que o incremento do SAF sexa de 169.033,64€ máis que en 2023, que era de 1.725.000€, un 9,79% máis, case un 10% de incremento.

Séguese mantendo a partida de emerxencias sociais con 60.000€ en 2024, “porque somos conscientes do que supón o aumento da inflación nos fogares onde se ven involucrados sobre todo persoas maiores e nenos”. E do mesmo xeito, mantense tamén a partida de eficiencia enerxética en 20.000€.

“Mantemos estas cantidades, porque na execución do presente ano 2023, foron suficientes, e en caso de ser necesario, serían incrementadas. Como poden ver, o compromiso coa xente é firme” explicou o Alcalde.

Do mesmo xeito, mantense a aportación ó programa Xantar na Casa, que xa se incrementara considerablemente en 2023 (57,80% máis, cun aumento de 8.236,80€), polo que neste ano 2024 mantemos os 22.484€ de axudas.

Este programa é moi importante porque grazas a el, moitos maiores poden seguir mantendo nos seus fogares unha alimentación saudable e sen esforzo. Deste xeito, o Concello da cobertura total ós solicitantes deste programa, atendendo a 40 persoas na actualidade.

O Equipo de Goberno mantén a partida correspondente ás actividades que se desenvolvan no Centro Cívico e nas distintas parroquias, a través do Plan Activa, “un plan moi importante porque foi este Equipo de Goberno quen o puxo en marcha, porque serve para sociabilizar e fomentar o intercambio xeracional. E por iso, moita xente nos felicita por el”.

Xunto ó Plan Activa, tamén se incrementa a partida correspondente ás actividades do Campamento Deportivo de verán, “xa que neste caso priorizamos a conciliación de pais e nais durante o período estival, e ademais estamos atendendo a nenos e nenas con necesidades especiais, e queremos seguilo facendo, por iso incrementamos esta partida en 5.000€ por si fose necesario”.

En total, o importe destinado ó Campamento Deportivo de verán, o Plan Activa e as actividades do CIM, ascende a 95.000€, que son 5.000€ máis que en 2023, un 5,55% máis.

A partida correspondente á adquisición de libros de texto, mantense en 25.000€, co obxectivo de atender ás necesidades de familias con nenos e nenas que non poden adquirir o material escolar necesario para a súa actividade educativa.

Tamén se seguen mantendo as axudas destinadas ó bus para estudantes universitarios e de ciclos formativos en 25.000€. “Con esta maior dotación, axudamos a sufragar os gastos das viaxes dos nosos estudantes fora da nosa cidade”. Do mesmo xeito, a partida do servizo de buses escolares, que dan servizo ó alumnado do Colexio Novo e o Colexio de A Gándara, “aínda que non sexa obrigatorio dar este servizo por parte do Concello”, segue sendo de 25.000€. E tamén o Concello seguirá mantendo o Bus Urbano municipal, que antes de súa entrada en funcionamento como totalmente gratuíto contaba con 5.000 usuarios ó ano, e logo da entrada da gratuidade, actualmente é utilizado por unhas 60.000 persoas ó ano.

Polo que respecta ó importe destinado á Gardería municipal este ascende a 145.952,76€, algo que sufraga máis ou menos nun 95% este Concello, en apoio ás familias.

Destínase unha partida de 15.000€ para o Conservatorio municipal, para a adquisición de mobiliario e instrumentos musicais “dando así continuidade á inversión que comezamos en 2022 neste centro, todo elo en beneficio dos seus alumnos e dos profesores que imparten as clases”.

A partida destinada a asociacións sociais e culturais será de 12.000€, para axudarlles nas súas actividades.

 

Outro dos piares fundamentais, as INVERSIÓNS

Para inversións, o Executivo de José Tomé destina en 2024 1.014.079,70€, que supoñen un incremento en 388.980,52€, sendo de 625.099,18€ en 2023, un 62,22% máis.

Unha parte deste investimento vai destinado a melloras e reposicións de vías urbanas, por importe de 340.000€, fronte ós 265.000€ de 2023, 75.000€ máis, un 28,30% máis.

Inclúe a mellora do Polígono Industrial do Reboredo, coa aportación de 201.147,93€ que vai aportar o Concello para a EDAR, que é necesaria e imprescindible para as empresas que están implantadas nel así como as futuras empresas que se instalarán neste polígono.

Tamén se suman os 62.000€ correspondentes á aportación que debe facer este Concello para o convenio co Ministerio de Transportes, Mobilidad y Agenda Urbana anunciado no día de onte, en relación coa construción unha nova conexión entre as estradas N-120A e N-120, completando así a Ronda Urbana entre o cruce da rúa San Pedro, a rotonda do Hórreo e a recta de Distriz, quedando completa a circunvalación de Monforte.

“A todo isto, engadiremos as inversións que se farán, tanto en parques e xardíns, como en zonas verdes, melloras de camiños municipais e entornos deportivos, entre outras inversións”.

O Alcalde subliñou o importante investimento que vai facer o Concello para o Obradoiro de Emprego, que está a piques de comezar, cun investimento de 81.530,60€, “porque apostamos polo emprego, de xeito que con esta inversión imos conseguir a ocupación de 24 persoas por un ano de duración, que desenvolverán a súa actividade formativa e laboral na Escola Obradoiro de A Pinguela, e que algúns deles serán contratados por empresas monfortinas que así se comprometeron”. O investimento no obradoiro de emprego pasa de 5.000€ en 2023 a 81.530,60€, é dicir, 76.530,60 euros máis, un 1.530% máis.

É importante reseñar que se consolida o importe para a creación neta de emprego que leven a cabo as empresas e os autónomos. Esta contía é de 30.000 euros, que xunto coas importantes bonificacións incorporadas por este Alcalde no ICIO, IBI e IAE para a creación de emprego, demostran o noso compromiso co emprego.

En DEPORTES, increméntanse as axudas en 2.000€, para clubs, pasando de a 115.040€ en 2023 a 117.040€ en 2024, o que representa un incremento de 1,73%. “Mantemos, polo tanto, o compromiso cos clubs, co deporte de base, coa actividade física e saudable, e cos deportistas individuais e incorporamos 2 novos clubs ó escenario deportivo do Concello de Monforte de Lemos, co C.B. Lemavos de baloncesto e o Club Ciclista Ribeira Sacra”.

Do mesmo xeito, mantense as axudas para deportistas individuais, que xa foron incrementadas o ano pasado, e que serán de 10.000€. A subvención para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais, que foi creada polo Alcalde en 2022 con 10.000€, será de 12.000€ en 2024, 2.000€ máis, un 20% máis.

En concreto, as subvencións nominativas que o Executivo de José Tomé destina a entidades deportivas son as seguintes, coa incorporación de dous novos clubs:

 

-CLUB XIMNASIA RÍTMICA QUICELA............................3.500 €

-CLUB NATACIÓN MONFORTE....................................8.000 €

-A.D. A GÁNDARA......................................................2.500 €

-SOCIEDADE VAL DE LEMOS CAZA E PESCA.................1.500 €

-CLUB BALONCESTO VAL DE LEMOS...........................7.500 €

-CLUB TAEKWONDO NEKA MONFORTE......................3.000 €

-CLUB LEMOS..........................................................17.500 €

-CLUB QUIXÓS..........................................................5.500 €

-C.P. CALASANCIO..................................................15.700 €

-A.D. PONTE VELLA...................................................1.000 €

-CLUB PESCA MONFORTE..........................................1.100 €

-ASOC. DEPORTIVA SOC. RÍO CABE............................1.700 €

-A.D. COLEXO FERROVIARIO......................................1.000 €

-A.D. ESCOLAPIOS....................................................1.000 €

-A.D. TORRE DE LEMOS.............................................1.000 €

-CLUB FLUVIAL.........................................................1.000 €

-A.D. VETERÁNS.......................................................1.600 €

-A.D. CASTELAO.......................................................1.300 €

-CLUB DE FUTBOL MONFORTE..................................9.000 €

-SOC. COLOMBÓFILA AIRES DE LEMOS........................450 €

-CLUB BILLAR TEMPLARIOS.........................................540 €

-CLUB DE TENIS CUATRO VIENTOS..............................550 €

-C.V RIBEIRA SACRA MONFORTE............................10.500 €

-CASTELO BIKE CLUB................................................1.000 €

-C.C. TORRE SAN VICENTE MONFORTE.....................1.000 €

-CLUB CICLISTA MONFORTE.....................................1.000 €

-CLUB KORBIS..........................................................9.000 €

-CLUB DE TIRO OLIMPICO RIO CABE............................500 €

-CLUB DE PESCA RIO CABE........................................1.100 €

-CLUB XIMNASIA RÍTMICA QUENDRA.......................3.500 €

-A.D.C. MONTE FORTE.............................................1.500 €

-C.B. LEMAVOS........................................................1.000 €

-CLUB CICLISTA RIBEIRA SACRA...............................1.000 €

 

Na área de CULTURA, destínanse 185.000€ que dividimos en tres partidas: para actividades de Cultura, 100.000€, para a Feira Medieval, 35.000€, e para o Festival do Viño, 50.000€. Ó que hai que engadir as aportacións da Deputación Provincial de Lugo.

A aposta polas Festas Patronais é firme, cun orzamento de 300.000€, solo para o apartado musical, que se incrementará si fose necesario, como vimos facendo todos estes anos.

Aumenta a partida de premios para o Entroido, pasando de 12.500€ en 2023 a 15.500€ en 2024, que son 3.000€ máis, un 24% máis. O obxectivo de potenciar a participacións dos colexios, das asociacións e dos cidadáns neste evento do Entroido, e que non se perda así a tradición de participar nel, axudándolles a cubrir gastos.

Con respecto ó alumeado das rúas nas Festividades (Nadal e Patronais), aumenta en 5.000€, alcanzando os 75.000€, fronte os 70.000€ de 2023, un 7,14% máis.

Destínanse para investimentos na Biblioteca Municipal 32.000, para a compra de libros e mobiliario, e para reformar as súas instalacións.

En canto as subvencións para as festas das parroquias e dos barrios de Monforte, aumenta a partida, que pasa de 20.000€ en 2023 a 32.000€ en 2024, 12.000€ máis, un 60%, asignando a mesma cantidade de 1.000€ a cada parroquia ou barrio que a solicite, en lugar dos 910 ou 500€ que se viñan concedendo ata agora, supoñendo que todas as parroquias e barrios organicen as súas festas.

Polo que respecta a outras entidades, mantéñense as subvencións nominativas que se viñan concedendo, incrementando a asignada ó Museo de Arte Sacro das Clarisas, porque é un valor moi importante para a sociedade monfortina e ademais significa un punto de atracción turística considerable. De aí que o importe para o seu mantemento pase de 3.000 a 4.000€, 1.000€ máis que en 2023, un 33,33% máis.

Neste apartado de subvencións nominativas destínase as seguintes axudas:

 

-CENTRO COMERCIAL URBANO….................................12.000 €

-CLARISAS CENTRO PURÍSIMA CONCEPCIÓN….............. 4.000 €

-FESTIVAL NAUFRAGOS DO PARADISO…....................... 4.000 €

-FANCINE DE LEMOS………...…....................................... 5.000 €

-MUSEO DO FERROCARRIL…........................................ 8.000 €

-CARITAS ……………….....................................................5.000 €

-CRUZ VERMELLA…......................................................2.000 €

-ASOC. DE COMERCIANTES DA PRAZA DE ABASTOS…... 2.000 €

-ASOC. DE EMPRESARIOS DE HOSTALERÍA …................ 2.500 €

-MUSEO CASA DAS MUÑECAS.….................................2.000 €

-TEAM MONFORTE RALLY DAKAR……………………............5.000 €

-CORAL DE RENFE………………........................................1.500 €

-FESTIVAL CARUDE ROCK……………………........................4.000 €

    

“En definitiva”, concluíu o Alcalde, “quero insistir en que os 2 piares que son a base fundamental destes orzamentos, son os servizos sociais e as inversións, o que demostra que a bandeira deste Equipo de Goberno é a preocupación social, e que todo xira arredor das persoas, e tamén na mellora da cidade e das parroquias”.

“Con estes datos, queda claro que estes orzamentos son os máis sociais da historia do Concello de Monforte, o que demostra que temos unha preocupación máis social, que queda explicitada nestes orzamentos, que é onde hai que demostralo aportando recursos”.

“Como vén, estes orzamentos vannos permitir seguir mellorando a nosa cidade, tal y como vimos facendo ano tras ano, polo que os orzamentos están pensados unicamente por e para os monfortinos e as monfortinas, é dicir, están pensados en Monforte de Lemos”.

Neste senso, os orzamentos para o 2024 manteñen as liñas xerais de anos anteriores, “porque Monforte evoluciona ben, porque Monforte vai ben, nos que procuramos reducir o máximo o gasto corrente non prioritario para atender ás áreas de gasto que para nós son prioritarias, e sen incrementar os impostos, xestionando ben os recursos propios e conseguindo financiación doutras administracións”. As prioridades dos orzamentos presentados polo Alcalde son a atención as persoas, a mellora da cidade, o deporte, a cultura e o medio ambiente.

“Como se pode ver, son uns bos presupostos para Monforte e  por todo isto, esperamos que o resto dos grupos municipais tamén apoien co seu voto este orzamento que levaremos ó Pleno do vindeiro luns 27 de novembro, uns orzamentos que, reitero, son bos para Monforte, e non hai razóns obxectivas para non apoialos, salvo si se practica a política do non polo non, que serán aprobados en todo caso, pola ampla maioría absoluta que elixiron os veciños e veciñas de Monforte”, concluíu José Tomé.

 

 

 

 

 

CADRO RESUMO ORZAMENTOS MONFORTE 2024

 

 

CAPITULO 1

CAPITULO 2

CAPITULO 3

CAPITULO 4

CAPITULOS 6 e 7

CAPITULO 8

ORZ 2024

5.202.085,35

8.898.094,31

81.000,00

1.185.076,58

1.014.079,70

6.000,00

ORZ 2023

4.971.834,54

8.623.398,39

12.000,00

1.132.814,12

625.099,18

6.000,00

DIFERENCIA

+230.250,81

+274.695,92

+69.000,00

+52.262,46

388.980,52

0,00

 

  +4,63%

   +3,19%

  +575%

   +4,61%

   +62,22%

   0,00%

 

Orzamento 2023: 15.371.146,23 euros.

Orzamento 2024:  16.386.335,94 euros. (+6,60%, +1.015.189,71 €)