Teatro Infantil e Familiar en Monforte, este domingo 11 con Os contos de Lobicán, da compañía Redrum teatro.

Monforte de Lemos, 10 de maio de 2025. O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro deste ano 2025, coa segunda actuación de teatro infantil e familiar este domingo 11 de maio no Edificio Multiusos a partir das 18:00 horas dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios de 2025.

A compañía REDRUM TEATRO presenta OS CONTOS DE LOBICÁN, obra coa autoría de Eva Mejuto, dirixida por Alex Sampayo e coa interpretación de Guillermo Carbajo e Victoria Pérez.

Os contos do Lobicán” é unha historia en verso, áxil e atrevida, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.

O marabilloso texto de Eva Mejuto foi gañador do XV Premio Barriga Verde 2022. O espectáculo, que mestura intérpretes reais con monicreques, está inspirado no atractivo mundo de Wes Anderson onde as cores, a escenografía, o vestiario e a música axudan a trasmitir os valores anteriormente mencionados.

A través da riqueza da narrativa e dos seus entrañables personaxes, o espectáculo convida a nenos e nenas a reflexionar sobre o mundo que os rodea e imaxinar novas posibilidades dun futuro máis inclusivo.

Sinopse

Lobicán é un animaliño curioso que goza explorando o bosque e compartindo momentos coa súa familia. A pesar da súa reticencia cara á escola e o estudo, Lobicán mostra un profundo interese por aprender sobre a natureza e o mundo que o rodea. Nai Lobicana pídelle levar unha torta ao avó, e mentres Lobicán está no bosque, atópase con Xiana, unha nena que busca o camiño cara á casa da súa tía Silvana. Sen importar as súas diferenzas, Lobicán e Xiana establecerán unha forte amizade que os axudará a superar perigos e desafíos.

“Os Contos do Lobicán” é unha historia conmovedora que resalta a importancia da amizade, a aceptación da diferenza e o respecto pola natureza, deixando unha poderosa lección sobre a importancia de valorar as relacións persoais e protexer o noso medio ambiente.

-O prezo da entrada xeral para esta representación será de 5 euros  e de 3 euros para nenos, estudantes, desempregados e xubilados.