Dúas novas representacións do XXXII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 13 de maio de 2025. Onte e hoxe representáronse dúas novas obras teatrais que forman parte do XXXII Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello, a través da súa Concellería de Cultura, que conta coa estrea de 7 obras correspondentes ós Centros educativos da cidade que participan neste certame.

A primeira función que inaugurou o certame correspondeu ó CEIP de Monforte coa obra Ser diferente , unha adaptación feita para o grupo a partir do texto “O merlo branco” de C. Pazó, coordinada e dirixida por Paki Abeledo que pretende transmitir a importancia de por en valor a cada quen, respectando as peculiaridades que temos cada un de nos, a través da historia de dous merliños que nacen de cor branco e sofren o rexeitamento dos demais por ser diferentes ó resto.

O xoves pasado, tivo lugar unha nova representación, Matilda, interpretada nesta ocasión polo CPR Ferroviario. Na sinopse da obra destaca o seguinte contido: “O mundo da lectura calou ben fondo en Matilda, que sendo tan nova xa é unha lectora empedernida á que moitos admiran, menos a súa familia que a considera un estorbo. Ademais Matilda posúe certos poderes que acabará empregando coa malvada señorita Tronchatodo. Diso serán testigos os seus compañeiros e a boa profesora, a señorita Mel. Conseguirán en equipo facer do cole un lugar amable e agradable onde aprender con alegría”.

O venres, 9 de maio, foi o torno do Grupo de Teatro A Pinguela que presentou Asasinos a soldo, unha adaptación do relato de Fernando Tato e do Conto de José Ordóñez, co que nos presentaron a historia duns asasin@s a soldo que desenvolven o seu traballo co rigor preciso para que todo resulte tal e como o cliente desexa.  

Onte luns, foi o torno do IES Rio Cabe coa obra Xespirando, xoguete cómico para todes coa coordinación e dirección de Paki Abeledo e que tal e como nos explican na senopse toman o teatro de Shakespeare como punto de partida para elaborar un xogo dramático buscando divertimento, experimentación e un exercicio de improvisación, como na vida mesma.

Hoxe representouse a obra O pantasma de Canterville  a cargo do colexio PP. Escolapios de Monforte, coa dirección de Julia Vega, que nos presentou ó Sr Otis, embaixador de Norteamérica en Inglaterra, e á súa familia, que mercan un antigo castelo dos Canterville que alberga algunhas sorpresas.

As dúas últimas obras representaranse os próximos días 19 e 20 de maio, representadas polos centros educativos ANPA do CEIP A Gándara con A Lingua Viva e CEIP A Gándara coa obra A muralla. A primeira delas, Lingua Viva que se representará o próximo luns, día 19, é unha adaptación do texto “Comedia bífida” de Manuel Núñez Singala, na que se fai un xuízo ó uso que facemos os galegos e galegas da nosa lingua reproducindo situacións que a cotío nos ocorren cando a usamos.

A última das obras que pecha o Certame de teatro para cetros de ensino, deste ano 2025, titulada A Muralla e a cargo do CEIP A Gándara,  representa a problemática de resolver un soño que ten o emperador dun imaxinario pais, que tras ser estudado polos maiores especialistas da corte, acaba sendo resolto polo bufón que atopa a solución mais razoable.

O Concello colaborará cos centros educativos participantes, aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 200 euros por centro ou asociación, o dobre de aportación que en edicións anteriores, coa intención de incentivar ós centros a que continúen participando neste certame, que supón  a posibilidade de ofertar unha actividade complementaria ás habituais dos currículos educativos, altamente valorada pedagoxicamente, polos profesionais do ensino.

Os premios consistirán na gravación das obras representadas, que serán entregadas ós centros participantes nun lapis de memoria, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

A entrega de premios será no Salón de Actos do Edificio Multiusos o 26 de maio de 2025 ás 18:00 h.                                                                          

Participantes no XXXII Certame Municipal de Teatro

CEIP de Monforte, coa obra “Ser diferente”, o martes 6 de maio.

Colexio P. Ferroviario, coa obra “Matilda”, o xoves 8 de maio.

IES A Pinguela, coa obra “Asasinas a soldo”, o venres 9 de maio.

IES Río Cabe, coa obra “Xespirando, xoguete cómico para todes”, o luns 12 de maio

Colexio PP. Escolapios, coa obra “A pantasma de Canterville”, o martes 13 de maio.

ANPA CEIP A Gándara, coa obra “Lingua viva”, o luns 19 de maio.

CEIP A Gándara, coa obra “A muralla”, o martes 20 de maio.