O Alcalde anuncia o programa de actividades arredor do Día das Letras Galegas, que considera amplo e variado.

Monforte de Lemos, 14 de maio de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que dende o Equipo de Goberno xa está ultimado o programa de actividades arredor do Día das Letras Galegas, que este ano está adicado á poesía popular oral e personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

O Alcalde destaca que “ideamos, a través da Concellería de Cultura, un completo programa de actividades que ten por obxectivo ofrecer ós monfortinos e monfortinas a riqueza da nosa oferta cultural a través do teatro, os espectáculos infantís, a música ou os roteiros para coñecer o noso patrimonio histórico. Por iso, animo a participar ós cidadáns nas actividades que programamos para este ano 2025”.

O 15 de maio, ás 20:15 da tarde, o auditorio do Edificio Multiusos acollerá a obra Manuela Rey is in da House do Centro Dramático Galego inspirada na esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser estrela do teatro lisboeta na segunda metade do Século XIX.

O 16 de maio, ás 20:00 da tarde, o auditorio do Edificio Multiusos acollerá un concerto de ópera galega A Loba Branca de Brais González organizado pola Sociedade Filarmónica de Monforte coa colaboración do Concello, un dos actos cos que conmemoran o seu 75 Aniversario.

O propio sábado 17 de maio, tamén no auditorio do Edificio Multiusos, celebrarase dende as 12 h o Festival Letras Galegas 2025, coas seguintes actuacións:

•   Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte

•   Coral Polifónica do Concello de Monforte

Os días 19 e 20 de maio terá lugar a representación teatral das dúas últimas obras que participan no certame municipal de teatro para centros de ensino que comezaron o 6 de maio e na que participan os colexios seguintes: CEIP de Monforte con Ser diferente, Colexio P. Ferroviario con Matilda, IES A Pinguela con Asasinas a Soldo, IES Río Cabe con Xespirando, xoguete cómico para todes, Colexio PP Escolapios con A pantasma de Canterville, ANPA CEIP A Gándara con Lingua viva, CEIP A Gándara co A Muralla, representando as súas obras no auditorio do Multiusos.

O 25 de maio, ás 18:00 h no auditorio do Edificio Multiusos, terá lugar o Espectáculo infantil e familiar do Programa FalaRedes, chamado Fala fala falangueira a cargo da compañía Matrioshka Teatro.

Un día despois, o 26 de maio ás 6 da tarde, celebrarase a entrega de premios do XXXII Certame municipal de teatro para centros de ensino de Monforte 2025 no auditorio do Edificio Multiusos no que se premiará o esforzo dos nenos e nenas dos 7 centros de ensino que participaron na edición deste ano 2025.

Ademais, continua aberto o prazo para participar no Certame de Narración e Debuxos Infantís ata o luns 19 de maio podendo entregarse as obras que participen, na Biblioteca Municipal ata o propio luns, en horario de mañá e tarde.

Do mesmo xeito, dende o Concello organízanse roteiros literarios por Monforte, durante os meses de maio e xuñio, para os cales os interesados deben concertalos coa Concellería de Cultura, en rúas e prazas da cidade, e que versan sobre os Condes de Lemos, Manuel María ou Lois Pereiro entre outros.