Gloria Prada acude en representación do Alcalde de Monforte, á segunda edición do “Marida Maio”, organizada pola delegación sur da APEHL

Monforte de Lemos, 16 de maio de 2025. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, acudiu na tarde de onte, acompañada polo Concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, á segunda edición dun novo evento enogastroturístico, o “Marida maio” que está organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) e que conta coa colaboración do Concello de Monforte e o patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.

A presentación tivo lugar ás 19:30 h no atrio do Centro do Viño Ribeira Sacra de Monforte e contou coa presencia da delegada da zona sur de APEHL, Beatriz Vila, o Deputado Provincial Pablo Rivera Capón, responsable da área de promoción económica e social da Deputación Provincial de Lugo, así como membros da Corporación municipal, e do sector da hostalería e do turismo.

Este novo evento ideado pola APEHL e que celebra a segunda edición, consiste na presentación dos viños das bodegas participantes xunto con petiscos de degustación dos establecementos hostaleiros, ós que tamén se unen empresas turísticas para dar a coñecer os seus servizos.

O “Marida Maio” propón unha experiencia que mestura gastronomía e turismo, coa implicación de diversas empresas da comarca, que achegan os seus produtos e servizos a través de encontros nos que explican as singularidades que teñen, a grupos reducidos de persoas.

Estes encontros terán lugar no Centro do Viño os xoves  22 e 29 de maio, cunha duración dunha hora e media, desde ás 19:30 h ata ás 21:00 h., e a asistencia é de balde. Con todo, a capacidade máxima de persoas permitida por día é de 30, por iso se necesita realizar a inscrición previa no teléfono 982 412 050.

Nesta primeira xornada, colaboraron as adegas Regina Viarium e EDV Viticultores, o restaurante Manuel Bistró, a marca de alimentación Caurelor e a empresa de ocio Boral Aventuras. Ademais, haberá música en directo coa actuación do solista Richard.

A Tenente de Alcalde, que asistiu ao evento en representación do Alcalde, José Tomé, do que desculpou a súa ausencia ante a súa imposibilidade de chegar a tempo á cita, por motivos de axenda coma Presidente da Deputación de Lugo, quixo agradecer e poñer en valor o traballo que a APEHL está a facer coa creación desta iniciativa, “unhas xornadas etnogastroturísticas que se traducen nun impulso económico para Monforte e para a Ribeira Sacra. En concreto, ensalzan a calidade dos nosos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, así como da oferta gastronómica dos nosos establecementos hostaleiros”.

A representante municipal reafirmou o compromiso do Equipo de Goberno en seguir apoiando iniciativas coma esta, “que contribúan á dinamización da nosa hostalería na nosa cidade e na comarca, que sexan un reclamo para que a xente se anime a visitar Monforte e a Ribeira Sacra”.

Gloria Prada, quere animar a todo o mundo a participar destas xornadas “porque creo que son unha oportunidade excepcional para coñecer e desfrutar dos nosos produtos gastronómicos e turísticos”.