Tres técnicos municipais de Mozambique intercambiaron experiencias de formación fiscal no Concello de Monforte dende o pasado 21 de maio

Monforte de Lemos, 25 de maio de 2025. A Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada, informa sobre a experiencia de intercambio de formación fiscal que compartiron tres técnicos municipais de Mozambique cos seus homólogos do Concello de Monforte de Lemos, no marco do proxecto de apoio á sustentabilidade económica dos municipios de Manhiça e Namaacha, cofinanciado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID).

A delegación mozambicana visitou os Concellos de Cuntis, Coristanco, Pontedeume e Monforte de Lemos para coñecer os seus sistemas de xestión financeira e tirar de aprendizaxes que poidan aplicar ao seu regreso. No Concello de Monforte de Lemos, foron recibidos o pasado mércores 21 de maio pola Tenente Alcalde, que tras manter unha reunión con eles para explicarlles o sistema de recadación de taxas e impostos locais no Concello de Monforte, propiciou a posibilidade de que os tres técnicos estableceran reunións durante estes días cos responsables e técnicos de cada departamento, para adquirir unha formación fiscal que permitirá reforzar as capacidades dos municipios mozambicanos, e polo tanto, mellorar a gobernanza local e os servizos públicos ofrecidos á cidadanía nas súas localidades de orixe.

Este proxecto de cooperación técnica prolongarase ata 2027, cando concluirá coa elaboración dunha serie de ordenanzas municipais que garantan unha recadación xusta e sensible ao xénero. O proceso, apoiado pola AECID a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, contribuirá asemade a impulsar o proceso de descentralización administrativa e, polo tanto, á consolidación da democracia, en liña co ODS 16: Xustiza, paz e institucións sólidas.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 116 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Unha vez concluída a experiencia de intercambio de coñecementos técnicos, que protagonizaron Onofre Muianga, coordinador do Departamento de Finanzas Públicas Municipais na Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM); Plácido Sitoe, técnico de contabilidade de Namaacha, e Bento Macamo, técnico de planificación de Manhiça, tiveron ocasión de transmitirlle á Tenente Alcalde a súa satisfacción pola oportunidade que lles proporcionou tanto e Equipo de Goberno, como os técnicos municipais, para acceder a unha formación práctica e “in situ” do sistema de xestión financieira que se desenvolve no Concello de Monforte, que están convencidos que será de gran utilidade para aplicala nos seus ámbitos de actuación.

Gloria Prada tamén lles quixo transmitir a súa satisfacción por poder colaborar en proxectos desta natureza que axudan a mellorar os servizos públicos nos seus lugares de orixe e desexoulles que os coñecementos adquiridos, poidan ser aplicados ao seu regreso con éxito.