Monforte de Lemos, 17 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, reuniuse na tarde do luns con representantes das adegas que protagonizarán do 4 ó 6 de xullo a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte.
O encontro levouse a cabo no Salón de Plenos da Casa do Concello de Monforte, e serviu para que o Alcalde lles explicara os aspectos organizativos, estéticos e técnicos e as principais novidades, en relación coa organización e montaxe do espazo expositivo, que como en pasadas edicións, ubicarase no Paseo do Malecón, beira do río Cabe.
Estes aspectos arredor do Festival do Viño, xa foran dados a coñecer ós medios de comunicación en rolda de prensa polo Alcalde, pero como en pasadas edicións, o rexedor monfortino, tamén llos detallou ós adegueiros participantes na xuntanza de onte.
Así o rexedor monfortino deulles a coñecer as novidades no deseño dos espazos e dos stands que cada adega ocupará no certame, así como o deseño das zonas comúns, e todo o programa de actividades que rodea ó Festival.
Sorteo de ubicacións dos stans das adegas
O encontro cos adegueiros e adegueiras participantes no Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte 2025 serviu tamén para levar a cabo o sorteo público da ubicación do stand de cada adega no Festival, sorteo que se levou a cabo mediante a extracción do nome de cada adega dunha caixa habilitada para a ocasión.
Deste xeito, a orde foi a seguinte, colocándose a partir do novidoso pórtico de entrada do Festival:
1. Mauricio Lorca
2. Algueira
3. Abadia da Cova
4. Edv
5. Cividade
6. Viña Vella
7. Galanteiro
8. Finca Cuarta
9. Lucenza
10. Aba Solleira
11. Tolo do Xisto
12. Condado de Sequeiras
13. Proencia
14. Alma das Donas
15. Finca Millara
16. Regina Viarum
17. Cruceiro
18. Guimaro
19. Petrón
20. A Man de prado
21. Tear
22. Ohmio
23. Malcavada
24. Peza do Rei
25. Gullufre
26. Adega Vella
27. Asolagados
28. Don Bernardino
29. Corzoás
30. Alouviño
O Alcalde agradeceu ós adegueiros e adegueiras o seu compromiso e o interese en participar neste certame que supón unha inversión moi importante que o Equipo de Goberno destina á promoción do viño da denominación de orixe Ribeira Sacra, e á promoción da paisaxe, gastronomía, da riqueza patrimonial e histórica, en definitiva da nosa cultura, ademais do comercio e da hostalería.
Pola súa banda, os adegueiros amosaron a súa satisfacción pola consolidación deste Festival do Viño agradeceron ó Concello o interese e esforzo que fai ano a ano para organizar e celebrar un certame do que agardan atraia a milleiros de persoas a Monforte durante a primeira fin de semana de xullo, do 4 ó 6.
O Alcalde tamén anunciou que o Paseo do Malecón permanecerá pechado dende o domingo 30 de xuño, para proceder á montaxe do Festival do Viño.