O Alcalde supervisa a renovación da iluminación do paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardería Municipal.

Monforte de Lemos, 19 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Servizos e Medio Rural, José Luis Losada, supervisou na tarde de onte as obras de renovación da iluminación do Paseo Fluvial no tramo paralelo á Rúa Rof Codina, que abrangue dende a Ponte Nova á Gardería Municipal.

Este paseo entre a Ponte Nova e a Gardería que era terreo natural, compactado e sen pavimentar, foi pavimentado con formigón semipulido en cor terra xabre, similar ó existente na rúa do Conde e no Parque da Gardería no pasado mes de novembro por iniciativa do Equipo de Goberno xa que era o único tramo urbano do paseo fluvial que quedaba sen facer, tras o encauzamento levado a cabo arredor do ano 2003, pola Confederación Hidrográfica do Norte.

Con esta actuación, o Equipo de Goberno deulle continuidade o paseo do río a partir da Ponte Nova, percorrendo todo o longo da Zona C e ata a zona de Cobas, unha zona da cidade na que este Equipo de Goberno, leva actuando dende hai uns anos e que supón un antes e un despois nesta parte da cidade.

Nunha nova acción para potenciar o valor desta parte da cidade e do río Cabe, o Equipo de Goberno procedeu á realización das obras de renovación da iluminación do Paseo Fluvial no tramo paralelo á Rúa Rof Codina que consistiron na instalación de 11 columnas completas con luminaria, que están protexidas contra a corrosión a través de galvanización en quente por inmersión, e con acabado de pintura en base poliuretano, con previa imprimación anticorrosiva.

As 11 columnas foron instaladas en todo o tramo do paseo, con unha distancia de 20 metros de separación entre cada farola, incorporando iluminación a un tramo situado despois da gardería que non tiña iluminación ata o de agora, e que se mellora para aumentar a seguridade deste tramo do paseo.  

O orzamento que o Executivo de José Tomé destina a esta actuación é de 35.000 € e tal e como salientou o Alcalde supón unha nova mellora nesta zona da cidade que complementa outras accións levadas a cabo polo Equipo de Goberno, cumprindo co compromiso acadado coa cidadanía, de mellorar as infraestruturas do Concello.