Galicia celebra o día mundial da ELA en Monforte de Lemos, en memoria de Germán Macía, coa colaboración do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 22 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, polo concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e servizos, José Luis Losada, pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón e pola Concelleira de Consumo, Regina López, ademais de outros membros da Corporación Municipal, participaron na mañá de hoxe dos actos organizados pola Asociación Galega da ELA, AGAELA, que ven de celebrar o día mundial desta enfermidade en Monforte de Lemos, en memoria de Germán Macía, e arroupados pola colaboración na organización do acto, polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte.

O Acto desenvolveuse dende ás 11:00 horas da mañá e tivo como parte central do mesmo, a organización dunha marcha solidaria na que participou un gran número de persoas e autoridades, como apoio á iniciativa proposta pola Asociación AGAELA.

A marcha, que estivo encabezada pola Vicepresidenta da Asociación, Susi Seoane Lema, acompañada polo Alcalde de Monforte, José Tomé, os membros do Equipo de Goberno, ademáis de membros da Corporación e demais autoridades presentes,  tivo un percorrido de 2,5 km dende a Praza da Compañía pola rúa Carud, San Lázaro, Reboredo, Historiador Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure, para voltar ó punto de partida, onde acto seguido, os asistentes puideron desfrutar dunha exhibición de Escola de Baile Ritmo Lg+ e do posterior sorteo de agasallos doados polos comercios locais de Monforte de Lemos, en colaboración coa Asociación AGAELA.

O Alcalde de Monforte, José Tomé, que tal e como explicou na súa intervención, viviu de preto a enfermidade do homenaxeado Germán Macía, quixo ter un especial recordo para os seus pais, presentes no acto, e subliñou “a dureza desta enfermidade polo deterioro muscular que produce, mentres os pacientes, seguen a ter as súas facultades cognitivas intactas”.

José Tomé, tamén quixo mandar unha mensaxe de esperanza para todos os pacientes que sofren esta enfermidade, centrado nos avances científicos que se están producindo nos últimos tempos, coa esperanza de que nun futuro próximo, se atope algún avance que cure a enfermidade ou se poida converter nunha enfermidade crónica. 

O Alcalde rematou a súa intervención lembrándolle a todos os presentes, que tanto na Deputación Provincial de Lugo como no Concello de Monforte, se aprobaron en Pleno, sendas mocións nas que ambas Institucións se comprometían a axudar aos pacientes que sofren esta enfermidade, dentro do ámbito de actuación de cada unha das Institucións e mostrouse aberto, a apoiar toda iniciativa viable que repercuta nunha visualización da ELA e na mellora da calidade de vida dos pacientes que a padecen.