A Tenente Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, acompañada pola Presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, presentan o Encontro Nacional de emprendedores creativos na Ribeira Sacra.

Monforte de Lemos, 26 de xuño de 2025. A Tenente Alcalde, Gloria Prada, acompañada pola Presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, presentaron este martes, día 24 de xuño, o Encontro Nacional de Emprendedores Creativos, unha iniciativa promovida pola Asociación España Creativa e a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España (RECITCREA), no marco do proxecto Camiño Creativo de Santiago 2025.

Tal e como explicou a Tenente Alcalde, “un dos principais obxectivos desta rede de cidades e territorios creativos, é impulsar a creatividade e a innovación, desenvolvendo plans estratéxicos de recomendacións para a transformación das cidade e territorios de España en cidades e territorios creativos e innovadores. A finalidade é contribuir a mellorar a xestión da diversidade cultural de España e a súa cohesión social, potenciando a innovación como modelo de desenvolvemento, e o turismo cultural e creativo”.

“Sendo conscientes de que este encontro é importante para Monforte de Lemos e para a Ribeira Sacra- continuou a explicar Gloria Prada -dende o minuto un, o Alcalde de Monforte, D. José Tomé Roca, decidiu contribuír de forma especial coa Asociación, destinando unha partida de 5000€ para o desenvolvemento desta iniciativa, conscientes de que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra,  lugares onde se conxugan, patrimonio, cultura, paisaxe, auga e gastronomía, son escenarios únicos e idóneos para levar a cabo este tipo de encontros”.

O encontro representa unha aposta decidida por fortalecer o  emprendemento  cultural e creativo como  motor  da transformación do territorio, especialmente en contextos rurais e con gran valor patrimonial e paisaxístico como a Ribeira Sacra e a súa vocación é ser un espazo de reflexión e acción sobre o papel estratéxico da cultura, a creatividade e o emprendemento na rexeneración social, económica e medioambiental.

Durante catro días, institucións públicas, espazos de creación, empresas, emprendedores,  creadores,  redes culturais e cidadanía, reuniranse nun programa diverso que combinará foros de diálogo, mesas redondas, actividades formativas, visitas a recursos culturais, experiencias no territorio e unha gala final onde se entregarán os Premios España Creativa – Rede Eléctrica.

A Ribeira Sacra convertirase así en punto de encontro de talento, ideas e compromiso, reafirmando que a cultura non é soamente un espazo de evasión, se non unha ferramenta viva, xeradora de impacto, diferenciación, cohesión e visión de futuro.

Un ecosistema creativo en movemento

O Encontro Nacional de Emprendedores Creativos, terá como sedes principais os municipios de  Monforte de Lemos e Sober. A inauguración oficial celebrarase o Venres 27 de xuño ás 10 da mañá no Parador Nacional de Monforte de Lemos. Con todo, o Xoves 26, xa se producirá un  encontro de participantes do evento, no Mirador e Santuario de Cadeiras, con un recital de poesía de Olga Novo e un catering de benvida.

Os días 27 e 28 de xuño, o Parador Nacional de Turismo de Monforte de Lemos acollerá os cinco foros profesionais que articularán o núcleo temático do encontro. Nestes espazos de diálogo abordaranse cuestións claves como a cooperación institucional, a financiación de proxectos culturais, a sostenibilidade nos modelos de negocio creativos, o turismo cultural innovador e o impulso ás industrias culturais no medio rural.

O domingo 29 estará adicado a vivenzas no territorio, cun percorrido pola riqueza paisaxística, patrimonial e enogastronómica da Ribeira Sacra. As actividades inclúen visitas a adegas tradicionais, unha ruta polo Románico da Ribeira Sacra, e unha travesía en catamarán, que pechará o encontro conectando paisaxe, cultura e comunidade.

Gloria Prada, quixo agradecer á Presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, o seu traballo e implicación con este proxecto e agradecerlle que pensara en Monforte de Lemos e na Ribeira Sacra para o desenvolvemento deste Encontro Nacional.