A Tenente Alcalde, Gloria Prada, inaugura a xornada que a Deputación presentou no concello de Monforte para potenciar o turismo nos encoros da provincia.

Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2025. A Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada acompañada do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, inauguraron  a xornada informativa que organizou a Deputación de Lugo no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, onde presentaron o proxecto Turismo de Encoros de España, Turembalses. Unha iniciativa mediante a cal a institución provincial recibirá 127.500€ de fondos europeos para crear unha experiencia turística en torno a estas infraestruturas.

Turembalses é un proxecto que dotará ao turismo rural dun elemento de diversificación e atractivo, dunha análise da oferta e da demanda innovadora  e unha alternativa ao turismo azul diferente ó da costa. O obxectivo destas sesións é que os axentes interesados coñezan de primeira man as características do proxecto, obxectivos e destinatarios; como formar parte do proxecto e as oportunidades de formación, asesoramento e promoción para entidades ou empresas.

Na presentación da xornada informativa de presentación do proxecto Turismo de Encoros de España, Turembalses, a Tenente Alcalde, Gloria Prada quixo dar a benvida a todos os asistentes á mesma, convencida de que esta é unha nova oportunidade de xerar a visita de turistas a Monforte, entorno a experiencias turísticas relacionadas con encoros e recursos fluviais.

A Tenente Alcalde, tamén quixo agradecer a Pablo Rivera como representante presente da Deputación Provincial, que trouxeran a Monforte de Lemos esta presentación, segura de que a capital da Ribeira Sacra a través das súas empresas do sector turístico saberán aproveitar esta oportunidade para desenrolar un novo concepto de turismo para Monforte.