Monforte de Lemos, 3 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará mañá, venres 4 a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará a fin de semana do 4 ó 6 de xullo no paseo do Malecón da cidade.
No acto, estará acompañado por unha ampla representación institucional, ademais do pregoeiro desta edición, que será José Luis Iravedra, Presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”.
Un dos aspectos máis destacados desta sétima edición é que haberá unha importante zona de sombreado que abarca todo o recinto así como o acceso ó Palco Inaugural para que o visitante que se achegue poida pasear polo espazo do Malecón máis comodamente.
Nesta edición ademais, haberá outra mellora con respecto ás Salas de Catas, que non soamente aumentan o aforo de cada taller, pasando de 30 participantes a 35 senón que tamén se delimitará o espazo da sala coa creación de muros laterais para facela mais acolledora e cómoda para os participantes.
Outra das novidades deste ano, será a presentación dos Tokens, fichas personalizadas como forma de pago, que sustitúen os habituais selos de papel, que se atopaban á venda nos stands de recepción, que resultan mais difíciles de perder ou deteriorar, resultando mais cómodos para os visitantes do Festival. Ademais engadirase retroiluminación ó pórtico de entrada ó Festival que se añadiu o ano pasado por primeira vez, e que foi utilizado por moitos visitantes como photocall.
“Estou convencido” sinala o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición e por suposto, do viño”.
Adegas participantes e Zona de gastronomía
As 30 Adegas participantes nesta sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, constitúen unha magnífica mostra de todas as subzonas que temos neste territorio e son:
- A Man de Prado
- Aba Solleira
- Abadía da Cova
- Adega Vella
- Algueira
- Alma das Donas
- Alouviño
- Asolagados
- Cividade
- Condado de Sequeiras
- Corzoás
- Cruceiro
- Don Bernardino
- EDV
- Finca Cuarta
- Finca Míllara
- Galanteiro
- Guímaro
- Gullufre
- Lucenza
- Malcavada
- Mauricio Lorca
- Ohmio
- Petrón
- Peza do Rei
- Proencia
- Regina Viarum
- Tear
- Tolo do Xisto
- Viña Vella
Ademais, o Festival conta cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños. Son un total de 12 participantes repartidos por todo o recinto, e ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías, ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos.
Os integrantes desta zona gastronómica son:
- Queso negro Buleri
- Lácteos Ribeira Sacra
- Embutidos Valentina
- Tres Fuciños Porco Celta
- Xamóns D. Francisco
- Xamóns Roberto
- Helados Xeou
- Panadería Fernández
- Panadería La Luna
- Restaurante Bocalino
- Restaurante Manuel Bistró
- Cervecería-Tapería O Toxo
Inauguración e programa musical
As actuacións musicais son outro dos piares do festival, e ó igual que o ano pasado, terán lugar no propio recinto do Festival. O Paseo do Malecón acollerá 3 actuacións musicais os días 4 e 5 de xullo.
O venres 4 de xullo, terá lugar a INAUGURACIÓN OFICIAL, que abrirá coa actuación do Grupo Searas ás 20:30 h.
Tras ela, ás 20:45 h., terán lugar as intervencións institucionais do Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e do Pregoeiro, que este ano será José Luis Iravedra, Presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”
O Grupo Searas é unha formación de Chantada, de estilo tradicional galego, cun enfoque fresco e moderno que busca conectar co público de todas as idades. Caracterízase pola súa enerxía no escenario e pola súa capacidade para reinterpretar o repertorio folk galego, fundíndoo con influencias contemporáneas.
Ese mesmo día ás 11 da noite, actuará Lucía Pérez, cantante galega, do Incio, que se sente Monfortina e coñecida pola súa versatilidade e proxección internacional. O seu estilo fusiona pop. música latina e folk galego. Lucía segue a ser unha figura destacada da música galega e española que se distingue polo seu talento, carisma e compromiso coa cultura da súa terra.
O sábado 5 de xullo ás 23:00 h., será a quenda dun grupo musical galego, A Banda da Loba, composto por 5 mulleres cun estilo ecléctico que fusiona pop, rock, blues e música tradicional galega creando unha proposta única no panorama musical actual. Caracterízase polo seu compromiso coa lingua e a cultura galega, ofrecendo composicións propias e versións de autores clásicos e contemporáneos.
Talleres de cata de viños da D.O. Ribeira Sacra e Masterclass
Nesta edición o Equipo de Goberno ideou dous obradoiros de cata denominadas catas temáticas que se caracterizan por ser mais dinámicas, creativas, interactivas co público:
O sábado 5 de xullo, de 11:30 a 13:00 h., terá lugar o obradoiro “Descobre: Castes senlleiras da Ribeira Sacra” a cargo de Carlota Iglesias, membro da Asociación Galega de Sumilleres.
O domingo 6 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial “O sabor do viño coa Música” a cargo do sumiller Suso Soneira acompañado do grupo musical Amalia & Manuel. Esta cata trata de relacionar o mundo do viño coa música, o que se coñece como maridaxe sonora. Esta é unha das últimas tendencias en alza no desfrute do viño onde se complementa o feito de beber unha copa de viño relancionandoo cunha boa peza de música.
Asimesmo, teremos tamén unha Masterclass a cargo de Jorge Vila, director de Galicia Wine Academy. Terá lugar o Sábado 5 de Xullo de 13:30 a 15:00h baixo o título “Na procura das viñas centenarias da Ribeira Sacra”.
Jorge Vila a través da súa labor na academia, promove a formación e a difusión da cultura do viño en Galicia, consolidándose como unha figura destacada no sector.
Todos os obradoiros e masterclass son gratuítos e faranse na zona acondicionada como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. Pero como o número máximo que poden participar en cada un deles é de 35 persoas, é necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.
Programa infantil
O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte contará, como estes anos, con actividades infantís, pois este é un Festival dirixido ás familias, nos que os nenos tamén teñen presencia neste Festival.
Para elo, acondicionarase unha zona á beira do Rio Cabe para que os máis cativos podan desfrutar de diferentes obradoiros.
O sábado 5, de 12:30 a 13:30 h, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure. E de 19:30 a 20:30 h. Pintacaras a cargo de Velaísca Animación.
O domingo 6, de 12:30 a 14:00 h. un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus. E de 19:30 a 20:30 h. Teatro de papel impartido por Tarabelos.
Vinorutas polo Sil e o Miño
E Executivo de José Tomé segue apostando polas Vinorutas. As dúas que se ofertan este ano, permitirán desprazarse ós que se anoten nelas ata o lugar de orixe dos viños de Ribeira Sacra, onde poderán contemplar os viñedos e os ríos que bañan as ladeiras así como diferentes adegas. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa "viticultura heroica".
Todas as Vinorutas partirán do Parque dos Condes, onde nun microbus un guía profesional levará os anotados ata os enclaves protagonistas destas rutas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.
A Vinoruta do Sil, “A Ribeira do Sil e os seus viños” terá lugar o sábado 5 de xullo, con saída ás 15:30 h. Visitaranse varias adegas nas que se poderá participar e desfrutar de catas, concretamente a Adega Algueira na parroquia de Francos e a Adega Cruceiro na parroquia de Vilachá, para partir cara ao embarcadoiro de Ponte do Sil e facer un percorrido polo Cañón do Sil e coñecer a súa espectacular viticultura de montaña. Tralo percorrido en barco, regresarase a Monforte para desfrutar do Festival do Viño no paseo do Malecón. Esta VinoRuta ten un prezo de 35€ por persoa.
O domingo 6 de xullo, a Vinoruta do Miño, “A Ribeira do Miño e os seus viños” permitirá coñecer a ribeira do Miño en Zodiac. Saíndo ás 9:30 h. de Monforte, comezará cun percorrido en zodiac para coñecer os viñedos en bancais desta viticultura de montaña. Farase unha parada na Fervenza de Augacaída de 30 metros de altura e a continuación regresarase á Praia da Cova onde finalizará o percorrido.
Seguidamente está prevista unha visita á adega Abadía da Cova situada en fronte do famoso meandro do río Miño “O Cabo do Mundo” onde se realizarán catas dos viños da Ribeira do Miño. Dende alí partirase cara ao concello veciño de Pantón para realizar unha divertida actividade coa empresa O Segredo do Monxe onde se catarán 6 viños, varios deles a cegas.
Dende aquí regresarase a Monforte de Lemos para gozar do Festival do Viño no Paseo do Malecón. Prezo: 40€/ persoa
Horarios do Festival do Viño
Os horarios de apertura e peche dos stands deste Festival do Viño, que como na edición anterior, amplíanse un pouco con respecto a edicións anteriores, serán:
• O venres 4 de xullo de 7 da tarde (19:00 h) á 1 da mañá, sendo á inauguración a partir das 20:30 horas.
• O sábado 5 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h), e das 7 da tarde (19:00 h) á 1 da mañá.
• E o domingo 6, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h) e das 7 da tarde (19:00 h) ás 12 da noite.
O obxectivo é “que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe do sur da provincia de Lugo”.
“Se o tempo nos acompaña”, subliñou o Alcalde, “estamos seguros de que esta edición do Festival do Viño, atraerá a miles de visitantes a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, que nos axudarán a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio.”
“En definitiva, queremos promocionar o viño, a Ribeira Sacra e a Monforte, que é a súa capital, e animar tanto ós monfortinos como ás persoas que veñan de fora a que desfruten eses días en Monforte dun Festival do Viño único, estou seguro de que non se sentirán defraudados.”