
Monforte de Lemos, 7 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na tarde noite de hoxe unha nova edición da Gala do Deporte de Monforte de Lemos, que se celebrou na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte e na que se rendeu homenaxe ós mellores deportistas monfortinos do ano.
O Alcalde comezou o seu discurso sinalando o bo momento do deporte que estamos a vivir na cidade do Cabe e quixo poñer en valor a importancia de practicar algún tipo de deporte xa que tal e como transmitiu Tomé “é unha actividade importante en si mesma polo beneficio que repercute na nosa saúde, pero ademais disto, como digo sempre, a través do deporte, poténcianse valores tan importantes como o esforzo, o sacrificio, a constancia e a superación. Este mundo de valores, de colaboración e de competencia con respecto é fundamental para a socialización dos mais pequenos e unha peza fundamental nas políticas de igualdade, pola súa visibilidade, por tanto, todas as iniciativas que teñamos para recoñecer o mundo do deporte, como esta que estamos a celebrar no día de hoxe, son froito dun merecido recoñecemento a todo o que significa o mundo deportivo”.
Na súa intervención José Tomé destacou que “este bo momento que estamos vivindo no deporte monfortino, é posible porque temos unha boa canteira de nenos e nenas, que teñen unhas excelentes cualidades para a práctica deportiva. A eles únense outros deportistas, adolescentes e xa adultos, que nos últimos anos estannos acostumando a que o nome de Monforte se asocie con éxito deportivo, gracias a eles e a elas”.
Aposta decidida do Executivo de José Tomé polo deporte monfortino
O rexedor municipal tamén salientou a aposta decidida que dende o Concello se leva facendo dende que Tomé Roca accedeu á alcaldía en 2015: “Dende o Concello somos conscientes da importancia que teñen os clubs para organizar o deporte monfortino, e por iso, colaboramos moi estreitamente con eles, para que os clubs e os deportistas realicen as actividades deportivas nas mellores condicións posibles. Eu creo humildemente que, boa mostra do que acabo de dicir, é o noso compromiso co deporte nestes 10 anos que levo como Alcalde, onde as axudas ós clubs subiron notablemente en relación co que viñan percibindo, complementado coas axudas ós deportistas individuais e a clubs en campionatos”.
Así, José Tomé salientou, que o Equipo de Goberno, nos orzamentos do presente ano 2025, “as axudas ós clubs superan os 132.500€. Mantéñense tamén as axudas para deportistas individuais con 10.000€, e a subvención para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais, posta en marcha polo Alcalde en 2022, alcanza os 12.000€. En total, superamos os 152.000 € este ano 2025”
Por outra banda, o Executivo de José Tomé puxo en marcha actuacións de enorme relevancia en infraestruturas deportivas, como a reforma dos campos de fútbol de herba artificial, , a reforma das pistas de tenis, a instalación de novos toldos parasol na grada do campo municipal de fútbol de A Pinguela e o acondicionamento do entorno do complexo deportivo da Pinguela, cun investimento de 190.000€ que supón o colofón ás melloras realizadas nas instalacións deportivas.
“Pero sen dúbida a actuación máis destacada foi a reforma integral do pavillón polideportivo de A Pinguela, que supón que hoxe contemos cun pavillón novo, no que investimos 4 millóns de euros, e que conta cunhas instalacións deportivas máis modernas, máis adecuadas para todo tipo de eventos deportivos, e sobre todo, máis respectuosas co medio ambiente”.
“E a reforma integral da nosa Piscina municipal climatizada de A Pinguela, que será totalmente renovada, polo que pronto desfrutaremos dunha piscina practicamente nova, na que investimos máis de 2 millóns de euros. As obras rematarán neste mes de xullo e empezará a funcionar entre finais de setembro ou principios de outubro”, inversións que demostran que o compromiso co deporte monfortino deste Alcalde, é firme.
Finalmente José Tomé rematou a súa intervención agradecendo a asistencia de todos os presentes, tanto ós deportistas como os seus familiares e amigos, e felicitou a todos os candidatos e candidatas así como ós premiados e premiadas, “porque todos eles teñen un palmarés deportivo excelente, e contribúen a poñer en valor o deporte monfortino”.
Na entrega de premios, ademais do Alcalde, tamén estiveron presentes e participaron diversos membros do Equipo de Goberno, a Tenente Alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Deportes, José Manuel Mougán, de Servizos, José Luis Losada, de Sanidade, Pilar Espinosa, de Consumo, Regina López, e de Muller e Igualdade, Margarita López, así como diversos membros da Corporación municipal.
Este evento ten como obxectivo premiar e poñer en valor o esforzo e a dedicación de deportistas, Clubes, adestradores/as, técnicos/as e árbitros/as do Concello monfortino.
Premiados da 10ª Gala do Deporte de Monforte
En total, foron 30 o número total de candidaturas que se presentaron para participar nalgunha das categorías do concurso para elixir ás mellores persoas deportistas, adestradoras, árbitras e Clubs do ano 2025.
Cun salón de actos ateigado de deportistas e familiares, o acto, conducido por Manola Porto, plasmou a homenaxe e o recoñecemento a diversas persoas e entidades relacionadas co deporte local e que destacaron ó longo do pasado ano 2024.
Os gañadores e gañadoras da 10ª Gala do Deporte de Monforte foron os seguintes:
- MELLOR DEPORTISTA FEMININA PROMESA: ANDREA GUDÍN PÉREZ
- MELLOR DEPORTISTA MASCULINO PROMESA: EXECUO GAEL DÍAZ DE LA FUENTE E GABRIEL PINTO ÁLVAREZ
- MELLOR ÁRBITRO/A: ICÍA MARCOS GARCÍA
- MELLOR EQUIPO DE BASE: CATEGORÍAS INFERIORES DO C.N. MONFORTE
- MELLOR DEPORTISTA FEMININA ABSOLUTA: LUCÍA ROCA RODRÍGUEZ
- MELLOR EQUIPO ABSOLUTO: EQUIPO VETERANAS C.B. VAL DE LEMOS
- MELLOR ADESTRADOR/A: JOSÉ MARÍA VEGA
- MELLOR DEPORTISTA MASCULINO ABSOLUTO: IKER FERNÁNDEZ CODESIDO
- DEPORTIVIDADE E XOGO LIMPO: MANUEL BESTEIRO RODRÍGUEZ
- MELLOR CLUB: CLUB TAEKWONDO NEKA
Por outra banda, fora de concurso fíxose recoñecemento a Elena Sánchez Iglesias pola súa traxectoria deportiva.