O Alcalde valora o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte do 2025 como un éxito en todos os sentidos

Monforte de Lemos, 8 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de facer unha primeira valoración da 7º edición do Festival do viño da Ribeira Sacra que califica “de éxito rotundo en todos os sentidos”. Esta edición supón a confirmación de que o Festival está consolidado e supón unha fórmula sólida de promoción e posta en valor dos viños da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra xa que cada ano aumenta tanto en visitantes como en ventas o que supón a confirmación de que tanto o formato do Festival, como o esforzo que está a facer o Equipo de Goberno, apostando por esta iniciativa, son decisións acertadas tal e como demostran os datos recadados.

Neste senso, o Alcalde subliñou que nesta edición o Festival do Viño volveu a acadar cifras superiores ás edicións anteriores, podendo polo tanto afirmar, que a edición de 2025, é a  mellor das celebradas ata a data. José Tomé quixo destacar que tras analizar os datos das últimas 5 edicións celebradas, dende o 2019 ata o 2025, practicamente se duplicou o número de tickets vendidos, o que supón un crecemento vertixinoso tal e como nos demostran os datos  mencionados.

O Alcalde tamén quixo poñer en valor a opinión dos adegueiros que participaron no Festival do viño da Ribeira Sacra e declarou estar moi satisfeito, xa que todos os adegueiros que participaron nesta edición, mostraron a súa satisfacción non so pola asistencia masiva de público con moita xente de fora de Monforte,  senón tamén porque os visitantes que veñen ós stands, demostran coñecementos e interés polos caldos que están a consumir e polas súas características que os singularizan, e ese é un aspecto que as adegas valoran altamente xa que é unha fórmula de fidelizar o consumo.

Os adegueiros ademais, explicáronlle ó Alcalde, que o formato do Festival é un éxito xa que os visitantes que se achegan a Monforte, veñen predispostos a probar novas alternativas das adegas, traen información dos viños e das novidades das adegas da D.O e saben valorar as recomendacións que os adegueiros lles fan, con respecto ás novidades que van incorporando ó mercado.

Tamén resultaron moi satisfeitos os stands gastronómicos que tal e como lle transmitiron a José Tomé, están encantados de participar nun Festival único como o Festival da Ribeira Sacra de Monforte, non so pola facturación acadada senón, tamén, polo ben que se traballa neste Festival, que se pode considerar como único dentro de Galicia.

Compromiso das 30 adegas participantes

José Tomé resaltou na súa intervención “o compromiso das 30 adegas que estiveron presentes e a satisfacción que me fixeron chegar pola excelente organización do conxunto do Festival”.

O rexedor monfortino quixo agradecer una no mais,  “ó Consello Regulador a súa colaboración e sobre todo á xente do mundo do viño, que colaboran masivamente co Festival en datas de moito traballo para as adegas, e polo tanto, supón un esforzo engadido a súa presencia no Festival do Viño, onde como eles ben saben, o único que pretendemos é ser un evento de promoción do noso viño máis aló das fronteiras de cada Concello, máis aló da nosa provincia, de Galicia ou do resto do Estado, que ven o puidemos comprobar co numeroso público asistente que non era de Monforte ou de Galicia, e que se vai incrementando edición tras edición”.

Éxito dos concertos, da zona de catas e dos stands de alimentación

Os concertos celebrados durante o Festival “todos eles de moita calidade musical e artística, e que se desenvolveron no propio recinto do Festival,  congregaron a numeroso público que contribuíu a que a xente permanecera máis tempo no entorno do Malecón, e polo tanto, dentro do ambiente do Festival do Viño”, indicou o Alcalde.

José Tomé, tamén considera un éxito o aumento da hora de peche, que se modificou na edición anterior por primeira vez, e que este ano beneficiou enormemente o desenvolvemento do Festival xa que as altas temperaturas propiciaron que os picos de venta se retrasasen un pouco con respecto a edicións anteriores e que o horario preferido polos visitantes fora pola tarde noite en lugar de pola mañá, tal e como sucede normalmente nas feiras do viño celebradas noutros Concellos da D.O da Ribeira Sacra.

Unha das actividades de máis éxito do Festival foron as catas de iniciación que se levan a cabo dentro do propio recinto, debido a que, explicou o Alcalde, “cubríronse todas as prazas ofertadas,  a pesar de que se aumentou o aforo con respecto a edicións anteriores, resultando especialmente atractiva, pola información acadada dos visitantes, a cata temática de Suso Soneira celebrada o domingo día 6 na que se misturaba a cata propiamente dita, coa música especialmente escollida para a ocasión ”.

Esforzo organizativo e orzamentario do Concello monfortino

O Alcalde quixo tamén dar a coñecer  “o esforzo que supón para o Concello de Monforte esta promoción na tripla dimensión: do viño, de Monforte e de Ribeira Sacra, dado que realizamos eses traballos de promoción dentro e fora de Galicia, que supoñen para o Concello de Monforte un investimento moi importante e que xunto co investimento da organización do Festival supón unha inversión superior ós 220.000 euros, a falta de contabilizar os últimos gastos do evento”.

E engadiu que “a min gústame chamarlle investimento posto que é evidente que produce un retorno económico, unha publicidade e un coñecemento do viño de Monforte e da Ribeira Sacra que fai que estea de moda, o que supón un crecemento exponencial do turismo e de sectores importantes para a economía da zona como son o comercio e a hostalería, incrementándose a demanda de prazas hoteleiras e pisos turísticos, o que sen dúbida é unha boa noticia dende o punto de vista económico para o desenvolvemento de Monforte e da comarca”.

O Festival desenrolouse con total normalidade, motivo polo que tal e como expresa o Alcalde de Monforte, “temos que felicitarnos todos, tendo en conta a presenza da Policía Local e da empresa de seguridade, que contratamos ó efecto”.

Todo este conxunto de cousas, fan que o rexedor califique a VII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de “éxito en todos os sentidos” e tal e como manifestou nestas primeiras valoracións do evento, “a partir de hoxe mesmo, xa traballamos para a VIII edición, para seguir mellorando e crecendo na promoción do viño da Ribeira Sacra”.