O Alcalde presenta a 25ª edición da Mostra Artelemos, unha aposta decidida do Concello de Monforte pola artesanía de calidade, que este ano contará con 35 postos, cinco mais que na edición anterior.

Monforte de Lemos, 23 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou ante os medios de comunicación o cartel anunciador e o programa da XXV Mostra de artesanía Artelemos 2025, que se celebrará en Monforte do 1 ó 6 de agosto na rúa Cardenal, e “sendo, como cada ano, a antesala das Festas Patronais da cidade, dentro do noso Programa Cultural de Verán, abrindo o mes de agosto con este recoñecemento e promoción dos nosos artesáns.”

Na rolda de prensa, o Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde Gloria Prada, e a técnico de Desenvolvemento Local do Concello, Mª Trinidad López.

“Apostamos por unha Mostra de artesanía que este Equipo de Goberno recuperou, como recordarán, no Nadal do ano 2015, tras anos de ausencia, dende que desaparecera a Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizou entre os anos 1996 e 2011” recordou José Tomé. Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos e que nesta edición, aumentaron en 5 artesáns mais con respecto á edición anterior.

Nesta mostra, que terá lugar do 1 ó 6 de agosto, participarán de 35 profesionais da artesanía, que proceden da comarca de Lemos, así coma doutros puntos de Galicia e de España. En concreto, as procedencias son:

31 artesáns e artesás de Galicia:

  • A maioría ademais da provincia de Lugo, en concreto son 13 da nosa provincia e teño que dicir con satisfacción, que destes 13, 10 son da nosa comarca o que significa a alta representación de artesanía que temos na Ribeira Sacra, indicativo tamén do motivo polo que Artelemos celebra en Monforte, e o resto son de Antas de Ulla (1 artesá) e de Lugo (2 artesáns).
  • 4 artesáns da provincia de A Coruña.
  • 9 artesáns da provincia de Pontevedra
  • 6 artesáns da provincia de Ourense

4 artesáns e artesás doutros puntos de España:

  • 3 artesáns da provincia de León.
  • 1 artesán da provincia de Toledo.

Coma en anos anteriores, ubicaranse na rúa Cardenal, en postos de exposición e venda individuais. A maiores colocarase unha carpa do Concello, como espazo destinado á realización de obradoiros e demostracións de oficios.

Todos os postos contarán con tarima, iluminación e rotulación promocional de cada un deles. Para asegurar os produtos expostos, a mostra contará con vixilancia, nas súas horas de peche, tanto ó mediodía, como pola noite, e ata a hora de apertura ó día seguinte..

O horario durante os 6 días que durará a Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10 a 14 horas, e pola tarde de 17 a 22 horas xa que este ano adiantouse unha hora a apertura de stands no horario de tarde que en edicións anteriores era ás 18:00 horas, a petición dos propios artesáns.

Artelemos, unha mostra consolidada que aposta pola artesanía

Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.

“Con esta Mostra”, sinala o Alcalde, “contribuímos á dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais que os clientes esperan atopar: como ourivaría, cestería, coiro, vidro, olería de Gundivós, cerámica, papel e madeira, entre outras. En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.

Na Mostra, que será inaugurada o venres 1 de agosto ás 19:00 h e coa actuación do Grupo Municipal de Gaitas do Concello, ademais dos 35 stands adicados á artesanía, poderemos ver en vivo a elaboración de pezas, con diversas demostracións ao longo dos días de duración do evento.

Tamén haberá diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día. Estas actividades, que son un complemento á propia Mostra, organízanse ano a ano porque sempre acadaron un notable éxito entre o público asistente. 

O Alcalde concluíu a súa intervención animando a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que nos visitan nestes días de verán, a que se acheguen a visitar esta 25ª edición de Artelemos no Cardenal, e que aposten polos produtos artesáns que alí se atoparán, que contan con todas as garantías de fabricación e de calidade, porque apostar polo artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura”.

Programación 25ª Mostra Artelemos 2025

Venres 1:

•   10:00 - Apertura dos stands de venda.

•   12:00 a 14:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra-Figulus. Artesán: Tomás López.

•   17:00 - Apertura dos stands de venda.

•   19:00 -  Inauguración da 25ª Mostra Artelemos.

•   19:00 a 21:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra-Figulus. Artesán: Tomás López.

•   19:00 a 21:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.

•   22:00 - Peche dos stands.

________________________________________

Sábado 2:

•   10:00 - Apertura dos stands de venda.

•   12:00 a 14:00 - Obradoiro de impresión téxtil “Hapa Zome”. Elaboración dunha mochila de loneta. Artesá: Luisa Mosquera.

•   17:00 - Apertura dos stands de venda.

•   19:00 a 21:00 - Obradoiro de impresión téxtil “Hapa Zome”. Elaboración dunha mochila de loneta. Artesá: Luisa Mosquera.

•   22:00 - Peche dos stands.

________________________________________

Domingo 3:

•   10:00 - Apertura dos stands de venda.

•   12:00 a 14:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dunha pulseira personalizada. Artesá: Lucia Casado.

•   17:00 - Apertura dos stands de venda.

•   19:00 a 21:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dunha pulseira personalizada. Artesá: Lucia Casado.

•   22:00 - Peche dos stands.

________________________________________

Luns 4:

•   10:00 - Apertura dos stands de venda.

•   12:00 a 14:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.

•   12:00 a 14:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez.

•   17:00 - Apertura dos stands de venda.

•   19:00 a 21:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.

•   19:00 a 21:00 - Obradoiro de Cestería. Público a partir de 14 anos. Artesá: Luisa Martínez.

•   22:00 - Peche dos stands.

________________________________________

Martes 5:

•   10:00 - Apertura dos stands de venda.

•   12:00 a 14:00 - Obradoiro de elaboración dun portarretrato decorado de cartón. Artesá: Noel Pérez.

•   17:00 - Apertura dos stands de venda.

•   19:00 a 21:00 - Obradoiro de elaboración dun portarretrato decorado de cartón. Artesá: Noel Pérez.

•   22:00 - Peche dos stands.

________________________________________

Mércores 6:

•   10:00 - Apertura dos stands de venda.

•   12:00 a 14:00 - Demostración en directo da técnica Needle Felting en lá. Artesá: María Monsalve.

•   12:00 a 14:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.

•   17:00 - Apertura dos stands de venda.

•   19:00 a 21:00 - Demostración en directo da técnica Nuno Felting en fieltrado de lá. Artesá: María Monsalve.

•   19:00 a 21:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.

•   22:00 - Peche dos stands.