Monforte de Lemos, 8 de agosto de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que xa se poden solicitar ás axudas para a contratación de alumnos e alumnas dos módulos de carpintería e de albanelaría do Obradoiro dual de Emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela II”, logo de que o pasado día 5 saíra publicada a convocatoria das mesmas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Todas as empresas interesadas en solicitar estas axudas, terán de prazo, ata o próximo día 27 de agosto para formalizar as súas solicitudes.
Trátase de axudas de 1.500 euros destinadas fomentar a contratación por parte de empresas de alumnos e alumnas dos módulos de carpintería e de albanelaría, que participaron no Obradoiro Dual de Emprego “Rehabilitación Naves Escola Obradoiro A Pinguela II” do Concello de Monforte, e que rematarán a súa formación o vindeiro 1 de setembro de 2025.
Para poder recibir estas axudas, as empresas deberán formalizar os contratos cos/as alumnos/as e os contratos deberán ser de alomenos 3 meses a xornada completa. Os contratos subvencionados deberán comezar con carácter xeral nos quince días seguintes á finalización do Obradoiro Dual de Emprego.
“Deste xeito”, sinala o Alcalde, “dende o Equipo de Goberno do Concello, dentro das nosas políticas sociais e económicas, seguimos fomentando a creación de emprego, e neste caso, para facilitar a incorporación ó mercado laboral dos alumnos que veñen de formarse no Obradoiro de Emprego da Pinguela, onde os alumnos recibiron unha interesante formación durante nove meses en dúas especialidades, carpintería e albanelaría.”
A estas axudas poderán optar entidades, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida nos obradoiros duais de emprego, e que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados en Galicia.