O Alcalde de Monforte pon en marcha un operativo de prevención e vixiancia de incendios forestais, como apoio á loita contra incendios.

Monforte de Lemos, 16 de agosto de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé, ante a evolución dos incendios forestais activos na Comunidade Autónoma, que obrigou a activar a situación 2 do Plan especial de protección civil ante incendios forestais da Xunta de Galicia, ven de anunciar a posta en marcha dun operativo especial no Concello de Monforte, para apoiar a loita contra incendios en caso de ser necesario.

Con esta intención esta mañá, José Tomé, resolveu aprobar por decreto que dende o Concello se adopten as medidas seguintes:

1. Adoptar por parte do Concello todas as medidas preventivas dispoñibles para a redución do risco de incendios.

2. Ter activos todos os dispositivos de vixiancia e control en zonas de especial sensibilidade, especialmente en áreas de interface urbano-forestal, espazos protexidos e zonas con maior carga de combustible vexetal.

3. Ter dispoñibles e operativos os medios humanos e materiais municipais e incluso de empresas privadas susceptibles de seren mobilizados, tanto para tarefas preventivas como para apoiar nas actuacións de extinción no caso de ser requirido., tales como vehículos con auga, cisternas, palas, bulldozer, etc.

4. Para garantir unha maior seguridade farase en coordinación co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia

5. Os medios do Concello estarán a disposición en calquera momento cando sexan requeridos polos servizos de emerxencias.

6. Dar traslado do presente decreto aos xefes de Unidade Obras e Medio Ambiente do Concello, Inspector Xefe da Policía Local, Xefe dos Axentes da Cidadanía, responsable de FCC Medio Ambiente en Monforte, Inspector Xefe da Policía Nacional e Capitán da Garda Civil.

O Alcalde explicou que esta previsión de despregue se enmarca nunha colaboración coa Xunta de Galicia, que se mantivo ao longo de toda a semana tanto por escrito como mediante comunicacións telefónicas diarias coa conselleira de Medio Rural e “como resposta á vontade de colaboración,, achegando os medios e persoal dispoñibles do Concello de Monforte, para a prevención e extinción se fose necesario”.

O Alcalde, José Tomé, quere trasladar unha mensaxe de apoio ás persoas afectadas: “Quero expresar toda a solidariedade da Cidade de Monforte de Lemos coa veciñanza de Ourense e recoñecer o esforzo titánico de bombeiros en xeral, e especialmente, ós da Deputación de Lugo desprazados a Ourense,  brigadistas, UME, forzas de seguridade, voluntarios e veciños e veciñas que loitan día e noite para salvar vidas e protexer o territorio,

Asi mesmo, quere lanzar unha mensaxe e tranquilidade ós veciños e veciñas de Monforte, apelando á responsabilidade de todos e preparándonos por si fose necesario.