Monforte de Lemos, 22 de agosto de 2025. O Alcalde informa de que os concertos programados para o mes de agosto dentro de concertos de Grupos Monfortinos, remataron o pasado mércores, día 20 de agosto, coas estelares actuacións de El Mundo de Sofía Band e Segunda Parte celebrados na Praza da Estación ás 22:30 h e ás 00:00 h respectivamente.
Estes dous concertos forman parte do amplo Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos que este ano celebra a súa IV edición e que está incluído dentro das actividades programadas polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, no programa do Verán Cultural do Concello.
Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e tivo continuidade tanto no ano 2023 como o ano pasado e “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na nosa programación de verán de 2025, apostando decididamente por darlle protagonismo á actuación de grupos monfortinos. Tan é así o éxito acadado, que se constituíron nestes tempos novos grupos de músicos locais”, subliña o Alcalde.
Neste senso, o ciclo é “unha aposta decidida do Concello por dar visibilidade e poñer en valor ós nosos grupos musicais, que ademais contarán cunha boa produción para que as súas composicións soen coa calidade profesional que merecen”.
Esta IV edición, na que participan 12 grupos monfortinos, que deselvolverán as súas actuacións musicais na Praza da Compañía, na Praza da Estación e na Praza de España, deu comezo o luns, 18 de agosto, coas actuacións dos grupos CERO2CERO e MALENNE, que actuaron na compañía a partir das 22:30 horas, o martes 19 de agosto, continuou coas actuacións de COOL FLANDERS e DINOSAURIOS que actuaron na Praza de España e clausurouse o ciclo de concertos que se celebran no mes de agosto, o mércores dia 20, coas actuacións dos grupos EL MUNDO DE SOFÍA BAND e SEGUNDA PARTE, na Praza da Estación.
A programación recolle a celebración doutros tres concertos, que se celebrarán no mes de setembro e que terán lugar en distintas ubicacións da cidade: Praza da Compañía, Praza de España e Praza da Estación, os días 1, 2 e 3 de setembro, nos que teremos a oportunidade de escoitar a outros 6 grupos monfortinos que pechan o ciclo de concertos de grupos locais do ano 2025.
Os grupos monfortinos protagonistas das seguintes xornadas deste ciclo serán:
LUNS 1 SETEMBRO
- 22:30 H PRAZA DA COMPAÑÍA DELOREANS
- 00:00 H PRAZA DA COMPAÑÍA LOS JINETES DEL TRÓPICO
MARTES 2 SETEMBRO
- 22:30 H PRAZA DA ESTACIÓN NECTARINE SOUL
- 00:00 H PRAZA DA ESTACIÓN DEUCE
MÉRCORES 3 SETEMBRO
- 22:30 H PRAZA DE ESPAÑA GALGA BLUES BAND
- 00:00 H PRAZA DE ESPAÑA BELLA CHAOS
Este ciclo de concertos é “unha aposta firme do Concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan”, sinala o Alcalde. “En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no Programa do Verán Cultural, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.