O Alcalde de Monforte, informa das conclusións remitidas polo “Punto Violeta/Seguridade” instalado nas Festas Patronais.

Monforte de Lemos, 26 de agosto de 2025. O Equipo de Goberno do Concello de Monforte, como en anos anteriores, ubicou unha Caravana Morada na cidade, para previr e atender a posibles vítimas de agresión sexistas durante o período de celebración das Festas Patronais, do 11 ó 16 de agosto.

Unha vez recibido o informe da intervención deste servizo durante as Festas Patronais, o Alcalde informa das conclusións que se extraen do mesmo. “Afortunadamente, tal e como explica José Tomé, non foi precisa a intervención dos servizos da Caravana Morada por mor de agresións sexistas durante as Festas Patronais. Nembargantes, hai que poñer en valor a actividade que desenvolven estes profesionais, tanto a nivel informativo e divulgativo, como de prestación de servizos de asesoramento referente a temas relacionados con agresións sexistas”.

“Do informe despréndese unha demanda importante de información sobre a actuación recomendada ante sospeitas de maltrato de xénero a familiares e amigos, e tamén unha demanda considerable da asistencia como punto de seguridade e mesmo, a asistencia para a realización de servizos de primeiros auxilios de pouca gravidade”.

O obxectivo deste servizo é a atención e concienciación contra as agresións sexistas, que está sempre atendida por un equipo técnico especializado en previr e orientar na loita contra a violencia de xénero, e que de forma habitual, se sitúa no entorno do Parque dos Condes enfronte da estatua de Manuel María, no espazo próximo ó semáforo, e permanece do 11 ó 16 de agosto, durante a celebración das Festas.

A caravana morada informa, asesora e visibiliza o rexeitamento comunitario do acoso e agresións de xénero a través de profesionais especializados en psicoloxía, contra a violencia de xénero, criminoloxía e técnicos de igualdade, que ofrecen este servizo itinerante para concienciar á poboación da importancia dunha educación sen violencia de xénero.

Este punto morado ten un dobre compoñente: por unha banda, concienciar e visibilizar o compromiso social e o rexeitamento comunitario das violencias, informando sobre os recursos dispoñibles contra a violencia de xénero ó público en xeral e por outro, a caravana morada presta o servizo de atención directa a mulleres dentro das festas en coordinación coas forzas de seguridade atendendo ás mulleres que así o demanden, co servizo ademais dun punto seguro que garante a posibilidade de asistencia e acompañamento ata a chegada de familiares, amigos ou asistencia sanitaria, dependendo do caso.

Do informe chegado ó Concello de consultas e incidencias rexistradas polos responsables da Caravana Morada con respecto ás Festas Patronais de Monforte de Lemos 2025, pódese deducir unha alta participación na distribución de material de sensibilización e difusión así como na demanda de información sobre os protocolos a seguir en caso de hipotéticas dificultades, como a utilización desta prestación como un punto seguro de encontro con familiares e amigos despois de sufrir algún tipo de indisposición.

En canto á distribución de material informativo, tal e como explicou o Alcalde, a caravana morada da conta do reparto do seguinte material de sensibilización e difusión:

  • Flyers informativos : 550
  • Pulseiras de sensibilización neon: 1000
  • Pulseiras de sensibilización lazo: 350
  • Chapas campaña sensibilización : 750
  • Materiais gráficos tarxetas informativas axenda telefónica con recursos municipais, autonómicos e estatais. 500

Así mesmo, no informe remitido ó Concello, os profesionais deste servizo, dan conta do número de visitantes e persoas informadas durante os seis días de permanencia da Caravana Morada en Monforte co resultado seguinte: a caravana foi visitada demandando información por un total de 1.850 persoas, das que 970 foron mulleres adultas, 330 foron homes adultos e un total de 550 persoas foron menores de entre 6 e 17 anos.

Por outro lado, o informe tamén recolle o tipo de asistencia dada, clasificada pola súa natureza e as conclusións que se poden extraer do mesmo, é que houbo unha considerable demanda de actuacións para practicar curas de primeiros auxilios motivadas fundamentalmente por cortes producidos por cristais así como a utilización da caravana como punto seguro por indisposicións ata a chegada de familiares e amigos dos solicitantes deste servizo.

Un punto e aparte supón a información solicitada dos protocolos a seguir ante situacións de violencia de xénero, acoso, delitos de odio e outras formas de violencia por motivos de orientación sexual, relixión ou raza, na que houbo unha alta participación de adolescentes, tal e como reflicte o informe trasladado ó Concello de Monforte.

A valoración final que fan os profesionais encargados de desenvolver este servizo, recolle as seguintes conclusións:

“A caravana morada resultou un recurso clave para a prevención, atención e acompañamento ante situacións de violencia de xénero, acoso, delitos de odio e outras formas de violencia por motivo de orientación sexual, relixión ou raza, así como para a sensibilización da mocidade e a poboación en xeral.

Destaca a elevada participación de adolescentes e a importancia do traballo en rede cos servizos sanitarios e forzas de seguridade, especialmente en situacións de crise e vulnerabilidade detectadas durante o evento”.

Estas actuacións están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e para a erradicación da violencia contra as mulleres no desenvolvemento de competencias reservadas ás Entidades Locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercicio 2025.