O Alcalde de Monforte acudiu ó Festival Folclórico Galaico-Astur celebrado este sábado na praza de España.

Monforte de Lemos, 31 de agosto de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acudiu ó Festival que na tarde-noite de onte sábado, se celebrou na praza de España.

No festival, estivo acompañado pola Tenente Alcalde, Gloria Prada, as Concelleiras de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón, a de Consumo, Regina López e o Concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz.

O Festival organizado pola Agrupación Folclórica Lemavos, coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos, contou coas actuacións de dúas agrupacións folclóricas, o Grupo de Danzas, “Aires de Asturias” de Villaviciosa e  a agrupación organizadora do Festival Folclórico, “Agrupación Folclórica Lemavos” con un repertorio de música tradicional, no que a gaita, a percusión e o baile, foron os protagonistas. A praza de España encheuse dun público que desfrutou dun amplo repertorio de cancións e bailes tanto da tradición galega como da asturiana.

O Alcalde, acompañado da Tenente Alcalde e a Concelleira de cultura, fixo entrega duns obsequios en recordo da celebración do Festival ó tempo que unha representante da agrupación “Aires de Asturias”, entregou a José Tomé unha caixa de sidra como símbolo representativo da cultura e tradición asturiana.

O Festival forma parte das iniciativas que apoia o executivo de Tomé para dar a oportunidade a este tipo de agrupacións culturais sen ánimo de lucro, de dar a coñecer o traballo que realizan durante todo o ano con unha posta en escena privilexiada e na que se pon en valor, as tradicións e a cultura transmitida polas xeracións pasadas que forman parte da nosa riqueza cultural e que é preciso conservar.

Durante o desenvolvemento do mesmo, o público tivo ocasión de escoitar e desfrutar do amplo repertorio ofrecido polas dúas agrupacións que participaron, que deron mostra da riqueza folclórica tanto de Galicia como de Asturias.