Monforte de Lemos, 2 de setembro de 2025. O Equipo de Goberno aprobou este luns, en Xunta de Goberno, a resolución da convocatoria anual de subvencións a entidades sociais e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais no Concello de Monforte, durante o exercicio 2025.
As entidades beneficiarias son as catro que presentaron solicitude, e que percibirán unha cuantía de 2.000 euros cada unha. Trátase da Asociación Agora para persoas con discapacidade, que destinará a subvención ao proxecto CreARTE; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer Afamon, para o programa de estimulación cognitiva a través das novas tecnoloxías; Auxilia, destinada á promoción da autonomía persoal das persoas con discapacidade e enfermos crónicos, e Asociación Albores, que solicitou esta subvención para o seu espazo de ocio e tempo de lecer.
“Con estas axudas” sinala o Alcalde, José Tomé Roca, “dende o Goberno municipal queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”.
Esta liña de axudas posta en marcha polo Concello de Monforte busca así fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.
A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2025 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada axuda. Do mesmo xeito, como regra xeral o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 75% do seu orzamento. Nesta ocasión, reciben a subvención as catro entidades que a solicitaron, cunha cuantía máxima de 2.000 euros cada unha.
A convocatoria publicouse no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, o 3 de xuño de 2025.