O Alcalde asistiu á conferencia de Manuela Sáez no Centro do Viño

Monforte de Lemos, 6 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu onte, ás 20.00 horas, á conferencia impartida pola historiadora monfortina e pregoeira das Festas Patronais 2025, Dona Manuela Sáez, no Centro do Viño, un interesante relatorio no que falou sobre a importancia das pezas italianas que custodia o Convento das Clarisas de Monforte de Lemos.

O rexedor acudiu ó acto acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada; a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e a concelleira de Consumo, Regina López.

Baixo o título de “Tesoros italianos en las Clarisas de Monforte: el legado de la Casa de Lemos”, a doutora en Historia da Arte, repasou as obras italianas que alberga o Museo das Clarisas, a as súas similitudes coas pezas napolitanas. A historiadora lembrou que este centro de arte monfortino é o máis relevante de Galicia no que se refire a obras italianas. De feito, este Museo posúe o conxunto de escultura italiana en madeira do século XVII máis importante que hai fora de Italia.

José Tomé lembrou que Dona Manuela Sáez e unha “excelente historiadora e gran muller” e destacou o “grado de especialización na Casa de Alba, nos Condes de Lemos e no Virreinato de Nápoles”. Neste senso, o Concello de Monforte ten colaborado na edición de varios dos seus libros e colaborará en futuras publicacións.