Monforte de Lemos, 11 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa acerca do dispositivo de tráfico posto en marcha polo Concello de Monforte con motivo da celebración da cuarta edición da Carreira e Andaina, Monforte en Marcha contra o Cancro que se celebrará este domingo 14 de setembro na cidade do Cabe.
A carreira iniciarase ás 12.00 do mediodía e prevese unha duración dunhas dúas horas como máximo.
Percorrido e cortes de tráfico
Cun percorrido de 5 quilómetros, sairá desde a Explanada da Compañía e seguirá pola rúa Compañía, dirección Paseo de Lugo, para continuar por esta cara a rúa Carude. Tras percorrer Carude completa continuará por San Lázaro ata o paso a nivel, onde xirará cara o centro da cidade polas rúas Reboredo, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure (ata as proximidades do paso a nivel). Neste punto, o percorrido baixará de novo cara a rúa Compañía ata a glorieta de entrada ao Parque dos Condes pola metade da calzada máis próxima aos edificios, e xirará na glorieta para subir pola metade máis próxima ás Casitas ata chegar de novo á Explanada, onde estará situada a meta. Os participantes darán dúas voltas a este percorrido.
Todas as rúas polas que discorre o evento estarán pechadas ao tráfico durante o desenvolvemento da carreira o propio domingo 14, desde as 11.45 horas aproximadamente, ata a finalización da mesma, que se estima entre as 13.00 e as 13.30 horas.
Inscrición aberta ata o momento antes da carreira
O prezo de inscrición é de 10€ e inclúe camiseta. Pode formalizarse persencialmente ata o venres 12 de setembro de 11.00 a 13.00 horas na sede da Asociación (rúa Ricardo Quiroga s/n, baixo, local 4). Tamén o sábado, de 17.00 a 19.00 horas na rúa Cardenal, e o propio día da carreira e andaina, de 10.00 a 12.00 horas na Praza da Compañía. Así mesmo, está habilitado o dorsal 0 para donacións.
O Concello colabora activamente
Esta carreira é de carácter benéfico, e todo o recadado irá destinado a seguir mellorando a vida das persoas con cancro e as súas familias, e a impulsar a investigación oncolóxica para conseguir un 70% de supervivencia no ano 2030.
O Equipo de Goberno colaborou activamente coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local.
Ademais, para o desenvolvemento deste evento deportivo, desde o Concello tamén se proporcionará o servizo de ambulancia, e levarase a cabo a colocación das vallas necesarias para delimitar o circuito deseñado.
A Policía Local colaborará no corte e vixiancia do tráfico daquelas rúas polas que transcorra a carreira, velando tamén pola seguridade dos e das participantes.
O Alcalde, José Tomé, salienta a colaboración do Concello nesta iniciativa, “poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina resulten todo un éxito, algo do que estamos seguros que así será”, e anima aos veciños e veciñas a participar neste evento deportivo e solidario.
Colaboración constante do Equipo de Goberno coa Asociación
Cabe salientar tamén a colaboración constante do Concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo: “Dende o Equipo de Goberno somos sensibles coa importantísima labor que desenvolve a Asociación Contra o Cancro en Monforte, e desde un primeiro momento levamos a cabo una colaboración estreita coa mesma, que se traduce na cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade”, subliña José Tomé.
Do mesmo xeito, o Concello participa e colabora en todas cantas actividades desenvolven na nosa cidade, “algo que seguiremos facendo, porque o meu compromiso e colaboración coa Asociación contra o Cancro é firme e constante, xa que desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento en relación con esta enfermidade”.