Monforte de Lemos, 12 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de informar da adxudicación do contrato para a mellora do pavimento da rúa Ourense, unha das principais arterias de entrada e de saída de Monforte. A empresa seleccionada no procedemento aberto de contratación é Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., que executará as obras cun orzamento de 91.657,50€.
Esta iniciativa forma parte do programa de mellora das infraestruturas do Concello impulsado polo Equipo de Goberno, tanto no eido urbano como no medio rural. Neste caso, destaca o rexedor, “trátase dun proxecto de mellora que ven motivado polas eivas que desde o Concello detectamos en canto ao desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”.
Os traballos previstos teñen un prazo de execución de 1 mes e consisten no fresado completo da vía e na reposición da capa de rodadura ao longo de 620 metros lineais, cun ancho medio de 8,86 metros. Contemplan tamén a renovación da sinalización horizontal, co pintado de marcas viais, símbolos e cebreados. Trátase dunha superficie total de actuación de 5.495 m2, entre o entronque coa Avenida de Galicia e a rúa do Río.
Arteria de entrada e saída de Monforte
A rúa Ourense é unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, que comunica o centro da cidade coa saída cara Ourense, a través da circunvalación CG-2.1 que leva á N-120, e cara a Ferreira de Pantón, a través da N-120a. Neste senso, o Alcalde destaca que “trátase dunha estrada que conta cun alto volume de tráfico e así, queremos desde o Equipo de Goberno, mantela en bo estado”.
Así mesmo, José Tomé salienta que este proxecto “da continuidade ao desenvolvemento do programa de mellora de infraestruturas da nosa cidade, un compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas desde 2015, e que, neste caso, suporá unha moi significativa mellora deste importante vial”.