A Casa da Cultura acolleu o espectáculo “Maxia para Soñar”, do ciclo escolar Ler conta moito

Lugar: 
A Casa da Cultura acolleu o espectáculo “Maxia para Soñar”, do ciclo escolar Ler conta moito

Monforte de Lemos, 19 de setembro de 2025. A Casa da Cultura Lois Pereiro acolleu hoxe a primeira sesión do programa de animación á lectura “Ler conta moito”, que se desenvolve en colaboración coa Biblioteca Municipal. O ciclo está dirixido a alumnos e alumnas de 1º e 2º curso de Primaria dos centros educativos da cidade.

Este venres, 19 de setembro, ás 12.00 horas, o alumnado de 1º de Primaria asistiu ó espectáculo “Maxia para soñar”, a cargo do ilusionista Mago Marco, que propuxo unha viaxe de soño e ilusións envoltas nun misterio, con aparicións, desaparicións, levitacións imposibles e, o máis importante, unha maxia interactiva na que os escolares de Monforte foron os grandes protagonistas.

O ciclo continúa o venres 26 de setembro ás 12.00 horas, coa participación da compañía de teatro Tropa de Trapo, que presentará o espectáculo 4 monos. Esta obra, que terá como público o alumnado de 2º de Primaria, pon en escena a catro monos con cadansúa historia. Catro contos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para rir, para reflexionar, para cantar e soñar con outro mundo posible.

 

Fomentar a lectura

“Ler conta moito” é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Cultura en colaboración cos Concellos con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. A finalidade é animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios.  “O obxectivo deste programa”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca, “é dar a coñecer e fomentar a lectura entre os alumnos e alumnas dos diferentes centros de ensino de Monforte”.