Monforte de Lemos, 23 de setembro de 2025. A Xunta de Goberno do Concello de Monforte de Lemos aprobou na sesión ordinaria do luns 22 de setembro o plan de seguridade e saúde das obras de pavimentación de varias rúas municipais de Ribasaltas. A aprobación deste documento da vía libre ao comezo dos traballos que se desenvolverán en varios viais entre a estrada provincial e o río Cabe, no entorno da área recreativa de Ribasaltas. En conxunto, a intervención suma unha lonxitude total de 1.895 metros, cun ancho medio de 4,30 metros e unha superficie de 8.160 m2.
O proxecto licitouse o pasado mes de xuño e foi adxudicado á empresa Extraco S.A. por un importe de 144.055,34 € e un prazo de execución de 1 mes.
O Alcalde, José Tomé, destaca a “necesidade dunha actuación completa” de renovación destas pistas xa que o firme atópase moi deteriorado. “O tempo que se leva sen actuar no firme, a presencia de auga nalgún punto e o elevado uso que teñen algunhas destas vías aconsellan unha renovación”, indicou o rexedor.
Melloras na área recreativa
A renovación do firme farase a través de triple rego asfáltico e aglomerado en quente de 5 centímetros en todos os viais da marxe esquerda de Ribasaltas. Ademais, con este proxecto preténdese mellorar o acceso central desde a área recreativa ata a estrada provincial. Concretamente, ensancharase o primeiro tramo ata os 6 metros, e na parcela municipal colindante crearase unha zona verde con plantación de arboredo, céspede e colocación de mobiliario urbano.
Este proxecto, explica o Alcalde, “mellorará un conxunto de vías que son moi utilizadas polos veciños de Ribasaltas, e especialmente a estrada que conduce á actual área recreativa e local social, polo que é necesario renovar o seu firme, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños desta parroquia de Monforte”.