Monforte de Lemos, 29 de setembro de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, proporá hoxe luns 29 de setembro, na sesión ordinaria do Pleno municipal, a iniciación do procedemento para a concesión da Medalla da Cidade aos axentes da Policía Local de Monforte Eusebio Cuesta Vázquez, a título póstumo, e Francisco Cao de Jesús, que a madrugada do pasado 23 de agosto sufriron un accidente de circulación en acto de servizo no que faleceu o primeiro e resultou ferido o segundo. O sinistro produciuse cando os axentes perseguían un vehículo conducido por unha persoa que fuxira tras ser requerida para a práctica dunha proba de alcoholemia.
O procedemento de Símbolos e Distincións Honoríficas está recollido na ordenanza municipal de Honras e Distincións e xa fora anunciado polo rexedor o mesmo día do tráxico accidente, no que se decretaron tres días de loito oficial.
Con esta distinción, o Concello de Monforte quere recoñecer o especial interese posto por estes axentes no cumprimento do seu deber como policías locais e o seu elevado compromiso coa protección da comunidade á que prestan servizo.
Tal como recolle a proposta da Alcaldía, será a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a coordinadora do Equipo de Goberno para a instrución deste expediente. Segundo indica a ordenanza, unha vez ultimado este, elevarase á Comisión Informativa e será comunicada oficialmente ás persoas ou entidades galardoadas. Así mesmo, publicarase no Boletín Oficial da Provincia.
Os correspondentes nomeamentos e distincións serán entregados ou impostos polo Alcalde nun acto solemne que terá lugar no salón de sesións da corporación nunha data por concretar.