O Alcalde supervisa as obras de mellora integral do Cemiterio Vello de Monforte

 Monforte de Lemos, 2 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supervisou este mércores as obras de mellora integral que se levan a cabo no Cemiterio Vello Municipal de Monforte, cunha inversión de 212.400 euros. O rexedor estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e polo Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

A actuación afecta as 80 vías interiores do recinto da Gándara, que son os camiños que vertebran o Cemiterio e que forman parte da rede viaria municipal. As rúas principais, así como as dúas ampliacións levadas a cabo no cemiterio xa contan con rúas pavimentadas.

O rexedor explica que esta actuación ven motivada porque unha grande parte das vías secundarias do Cemiterio Municipal, inaugurado no ano 1903, estaban sen pavimentar ou con pavimentos realizados en pequenas áreas, sen conexión entre eles, defectuosos, con distintos niveis e deteriorados, o que provocaba humidades e incluso a entrada de auga nas sepulturas inferiores, situación que se resolverá con estas obras.

O Alcalde comprobou nesta visita que as obras avanzan a bo ritmo, coa idea de que estean rematadas a finais do presente mes de outubro. “De tal xeito que os monfortinos e monfortinas poidan celebrar o tradicional Día de Santos visitando aos seus seres queridos nas mellores condicións”.

 

Mellora integral

As actuacións de mellora no pavimento que se están executando abarcan unha superficie total de 3.199,50 m², e desenvólvense en 5 fases que se corresponden con 5 zonas diferenciadas:

  • Fase 1 (Zona Noreste): con actuacións de mellora en 708,60 m².
  • Fase 2 (Zona Sureste): en 718,60 m².
  • Fase 3 (Zona Noroeste): en 697,70 m².
  • Fase 4 (Zona Suroeste): en 703,70 m².
  • Fase 5 (Zona Sur): en 370,90 m².

 

Os traballos estanse realizando de xeito continuado por fases para afectar o menos posible a actividade do cemiterio e consisten na explanación do terreo e demolición da soleira actual, coa colocación dun novo firme de formigón. O proxecto inclúe a colocación dunha rigola para recollida de augas pluviais, con sumidoiros para recollelas que se conectarán á rede de pluviais existente, nas rúas principais.

“Debido á importancia social e patrimonial que ten o noso Cemiterio Municipal”, subliña o Alcalde, “dende o Equipo de Goberno consideramos necesario pavimentar estas rúas que estaban sen pavimentar ou cun pavimento defectuoso, e dignificar o lugar onde descansan de xeito definitivo os homes e mulleres que fixeron de Monforte a cidade que somos hoxe”.

Neste senso, destaca a importante inversión, de más de 210.000 euros, “que sen dúbida mellorará os servizos que o Cemiterio Municipal ofrece ós seus usuarios, que son a inmensa maioría dos veciños e veciñas de Monforte”, destaca Tomé.

 

Espazo de recollemento e patrimonio cultural

O Cemiterio Vello de Monforte, conclúe, “é un espazo de recollemento pero tamén un gran patrimonio cultural. Nel descansan defuntos máis coñecidos e outros moitos cidadáns anónimos que en vida conviviron na cidade, todos eles monfortinos e monfortinas. Con esta actuación queremos que os nosos veciños, e tamén a xente de fora que ten ós seus familiares e amigos enterrados aquí, se atopen a gusto e poidan transitar con comodidade polas súas rúas interiores, para visitar ós seus defuntos e para coidar ás súas tumbas ou nichos”.