Monforte de Lemos, 3 de outubro de 2025. O Concello de Monforte de Lemos participou esta mañá nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional, festividade dos Santos Anxos Custodios, que se desenvolveu cunha celebración litúrxica na Igrexa da Régoa, ás 12.00 horas, seguida dun acto institucional na Casa da Cultura Lois Pereiro, ás 13.00 horas, no que se entregaron medallas e diplomas de recoñecemento.
A Concelleira de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa, representou ao Alcalde e ao Concello de Monforte no acto institucional, acompañando ao Inspector Xefe da Comisaría de Monforte, José Ramón Fernández López, ao Inspector do Grupo Operativo Local da Comisaría de Monforte, Celso Dacal Vázquez, e ao Xefe de Seguridade Cidadá da Comisaría de Monforte, Óscar Fernández Prieto. Asistiron tamén o Inspector Xefe da Policía Local, Miguel Martínez, o Xefe de Bombeiros e Protección Civil, Tomás Losada, así como outros membros do Corpo da Policía Nacional monfortina, representantes da Garda Civil de Monforte, familiares e amigos.
Polo Concello monfortino tamén acudiron, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a concelleira de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón; o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán; a concelleira de Consumo, Regina López, e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, ademais doutros membros da Corporación municipal.
Acto institucional na Casa da Cultura Lois Pereiro
A Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte acolleu, desde as 13.00 horas, o acto institucional, no que lle foron impostas condecoracións a dous funcionarios e entregáronse diplomas de recoñecemento.
O acto estivo presidido polo Xefe da Comisaría de Policía de Monforte, o inspector xefe Celso Dacal e a concelleira Pilar Espinosa. José Ramón Fernández comezou a súa intervención facendo un emotivo recoñecemento a Eusebio Cuesta, axente da Policía Local de Monforte falecido en acto de servicio o pasado mes de agosto. Tamén agradeceu a colaboración do Concello na celebración desta festividade e eloxiou a “excelente relación” da Policía Nacional coa Policía Local.
No capítulo de distincións, concedeuse a Medalla ó Mérito Policial con Distintivo Blanco ao Inspector Celso Dacal Vázquez e ao axente de policía José Luis Rodríguez López.
Tamén se entregaron diplomas aos vixilantes de seguridade Juan Penoucos e Juan Carlos Díaz. Pola súa banda, a concelleira Pilar Espinosa fixo entrega dun metopa ao Clube de Tiro Río Cabe, que recolleu o seu vicepresidente Javier Fernández Luaces.
“Unha cidade segura e tranquila”
Coa súa representación nestes actos, o Concello de Monforte fai extensiva a felicitación ó Corpo da Policía Nacional pola súa “inestimable e decisiva labor no día a día da nosa cidade, grazas a cal podemos dicir que Monforte é unha cidade segura e tranquila para os nosos veciños e veciñas, e tamén para os que nos visitan”, en palabras do Alcalde, José Tomé, que desculpou a súa ausencia por cuestións de axenda no seu cargo como presidente da Deputación de Lugo. O rexedor pon en valor tamén o traballo feito desde a Alcaldía “para que Monforte teña a Comisaría de Policía que se merece, con instalacións renovadas, e que pronto serán unha realidade na nosa cidade, motivo polo cal debémonos felicitar e sentir orgullosos”, en referencia ás obras da nova Comisaría que se executan actualmente e para as que o Concello cedeu gratuitamente o edificio do Centro de Sanidade (antiga Casa de Socorro), na avenida de Galicia 73-77.
Coa súa participación na festividade dos Anxos Custodios, o Equipo de Goberno quere tamén poñer en valor a cooperación estreita e eficaz entre os axentes e mandos da Policía Nacional e os da Policía Local. “Grazas a esta colaboración podemos dicir que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia”, destaca o Alcalde.