Actualidade

ESPECTÁCULO PARA PÚBLICO INFANTIL-FAMILIAR -A FANTASÍA DO NADAL de MARÍA FALTRI -Nadal 2025 /Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, martes 30 de decembro ás 18:00h

O Concello de Monforte de Lemos e dentro da programación do Nadal 2025-26, programa un ESPECTÁCULO PARA PÚBLICO INFANTIL-FAMILIAR titulado A FANTASÍA DO NADAL da compañía MARÍA FALTRI, espectáculo que terá lugar na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o martes 30 de decembro ás 18:00h

"Abracadabra" con esta palabra máxica ábrese o telón dun espectáculo onde todo é posible. No Nadal, a ilusión envolve cada cousa e convértese no mellor agasallo. Un concerto para sentir en familia: rir, cantar, emocionarse e levar para a casa ese recordo tan especial que só nace cado vivimos xuntos algo único.

María Faltri dá vida a personaxes entrañables e momentos cheos de luz que enchen o corazón dos máis pequenos e tamén dos que xa non o son tanto. Acompañada por Reyner Aldana na guitarra, coros e percusións, crearán un ambiente máxico onde a música, as historias e a participación do público farán brillar as emocións. Unha experiencia onde a fantasía vai da nosa man par celebrar a alegría e o fermoso Nadal.

A representación teatral -concerto infantil, está deseñada para público infantil familiar nenos/as de máis de 3 anos, con entrada libre e gratuita.

ESPECTÁCULO DE HUMOR /PEPO SUEVOS con Á CAÍDA -Nadal 2025-26 /Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, venres 2 de xaneiro ás 20:00h

O Concello de Monforte de Lemos dentro da programación do Nadal 2025-26, programa a PEPO SUEVOS, co espectáculo Á CAÍDA na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o venres 2 de xaneiro ás 20:00 h, con entrada libre e gratuita.

Á CAÍDA. Está en crise a comedia? Miña, nai, esperemos que non!, é moi necesaria para soportar o "mundo real". E ademáis, son moitos os que viven por e para a risa. Pero si que é certo que hai unha certa tendencia nos últimos tempos a meterse con ela, a censurala, a criticala. Está, por exemplo, o famoso tema dos límites, aquel "con que se pode facer humor e con que non". Debates internacionais, hai con isto. Pero temos máis. Dun tempo para aquí escóitase moito a frase "todos fan máis ou menos o mesmo, falan do mesmo e usan os mesmos chistes". Respectable opinión tamén. Ou aquilo de "iso faino calquera. Total, so hai que ter un texto simpático e aprendelo". Moi ben. Outro estacazo para o oficio, pero igual de respectable. Agora ben, feita a lei, feita a trampa. Contra o veleno, o antídoto. Cando ti vas, eu veño de alí⋯

Todo isto é o que pensa PEPO SUEVOS, e por iso decidiu sacar un novo espectáculo no que derruba estes tres piares da crítica desde o primeiro segundo. Un espectáculo totalmente improvisado, no que, xa que logo, non existe texto que aprender. Un espectáculo interactivo, no que a información que ofreza o público será a que irá compoñendo o contido, así que no caso de tocar temas escabrosos, o público será o culpable (ou cando menos, cómplice). E por suposto, se se tratan os temas “de sempre”, será o auditorio o que peque de pouco orixinal, e nunca o tipo do escenario, que ten que estar áxil e receptivo para que a pelota non caia ó chan. A todo isto, ímoslle sumar que está de moda o da improvisación, con gran proliferación de compañías que fan teatro a partir de xogos con aportacións do público. Así que Pepo Suevos recolle todo isto e plantexa un show aberto, atrevido, arriscado e sobre todo, moi divertido, no que cada función será única, xa que todo o que aconteza durante o espectáculo, irá xurdindo "Á CAÍDA".