Monforte de Lemos, 17 de outubro de 2025. Un total de 14 mulleres participaron estes días no programa de formación “Habilidades e competencias para o emprego: adestra as túas competencias para encontrar emprego”, organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM) con motivo do Día da Muller Rural, que se conmemora o 15 de outubro. O curso tivo carácter gratuíto e desenvolveuse durante os días 15, 16 e 17 de outubro no salón de actos do Centro Cívico e Social (Paseo do Malecón s/n), en horario de 09.30 a 14.00 horas.
Enmarcado no programa ALICIA-Activando la Igualdad, a actividade levouse a cabo en colaboración coa Fundación Mujeres coa que colabora o Concello de Monforte co obxectivo de mellorar a inserción laboral das mulleres. Nesta ocasión, a formación dirixiuse a mulleres desempregadas ou en procura de mellora laboral, mozas sen experiencia, maiores de 45 anos, mulleres de familias monoparentais e mulleres residentes no rural.
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que “o noso obxectivo coa organización desta proposta formativa dende o CIM, é proporcionar ás mulleres os coñecementos e ferramentas para desenvolverse mellor no mercado de traballo”.
Obxectivos acadados
Durante as tres xornadas nas que se desenvolveu a acción formativa, as participantes adquiriron coñecementos e ferramentas para desenvolverse mellor no mercado de traballo acadando os obxectivos propostos neste obradoiro:
• Coñecer e usar os recursos de procura de emprego (curriculum vitae, carta de presentación, entrevistas, uso da Internet, etc).
• Desenvolver actitudes e aptitudes nas alumnas para o seu autocoñecemento e xestión emocional co fin de aumentar a súa empregabilidade e afrontar os diversos escenarios do mercado laboral.
• Desenvolver nas alumnas as habilidades sociais e de comunicación necesarias para definir as súas metas profesionais, construír unha rede de contactos, comunicarse e tomar decisións de maneira efectiva, etc.
• Desenvolver competencias laborais nas alumnas que faciliten a súa inserción no mercado laboral para atopar, manter e desenvolverse nun posto de traballo.