Monforte de Lemos, 25 de outubro de 2025. O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu este venres unha Mesa de traballo para avanzar na confección do IV Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal (PIOM) do Concello de Monforte de Lemos. Ao encontro asistiron persoal municipal e político e axentes socioeconómicos do municipio implicados na elaboración deste plan aportando achegas, opinións e suxestións. O encontro contou coa participación da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, ademais de persoal do Centro de Información á Muller, CIM.
Tamén asistiron os Concelleiros e Concelliras de Sanidade, Drogodependencias, Tráfico e Mobilidade, Pilar Espinosa; Deportes, José Manuel Mougán; Consumo, Regina López, e Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, así como outros membros da Corporación Municipal-
A elaboración do IV PlOM iniciouse no mes de abril deste 2025, trala avaliación o ano pasado do III Plan de Igualdade entre mulleres e homes (dispoñible na páxina web municipal). Para elo, conformouse un equipo de traballo mixto con persoal do CIM e técnicos da consultora externa especialista en xénero e igualdade, SECES CIT, SL, e requeriuse a participación da sociedade co fin de xerar un proceso de reflexión, sensibilización e aprendizaxe social en torno á igualdade.
Unha das claves na elaboración do Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal é o proceso participativo que precisa das aportacións de tódalas persoas implicadas. Neste marco de colaboración, as achegas realizadas no desenvolvemento da Mesa de traballo por parte do persoal político, das traballadoras e traballadores das distintas áreas e departamentos municipais, dos axentes socioeconómicos e de toda a cidadanía monfortina son de gran importancia dada a súa experiencia, coñecementos e competencias no seu ámbito.
Co fin de avanzar na confección do IV PIOM, na Mesa de traballo celebrada onte expuxéronse os resultados do proceso de diagnose realizado durante os pasados meses e no que foron partícipes mediante enquisas o persoal municipal e político, os axentes claves do municipio e a cidadanía monfortina en xeral.
Así mesmo, presentáronse as áreas estratéxicas de intervención que precisan da necesaria implicación política, técnica e dos axentes socioeconómicos para que se produzan cambios encamiñados a que a igualdade entre homes e mulleres sexa efectiva. Nestas grandes áreas inclúense a coordinación interinstitucional, a prevención e tratamento da violencia de xénero, e a promoción da igualdade desde ámbitos como a participación social e o liderado, a educación, a conciliación e a corresponsabilidade, a formación e o emprego, o benestar e a saúde, a cultura, deporte e lecer, e o medio ambiente, servizos e urbanismo.
Por último, estableceuse unha metodoloxía de traballo e prazos para a recepción de achegas.
Compromiso coa igualdade
Esta nova fase do Plan de Igualdade, é a continuación do compromiso adquirido polo Alcalde de Monforte, José Tomé, e o Equipo de Goberno, na loita pola igualdade de trato e oportunidades reais e efectivas entre homes e mulleres no ámbito local. “O reto está non so en dotar ao Concello de Monforte dun instrumento de guía para os próximos anos en materia de igualdade, se non en conquerir un compromiso coa igualdade no que se implique a todo o municipio”.
O que se pretende por tanto, é xerar un proceso de reflexión, sensibilización e aprendizaxe social, na medida na que se fomenta o establecemento de canles de participación para que a cidadanía monfortina poida transmitir a súa sensibilidade en materia de igualdade efectiva entre homes e mulleres no ámbito local.
Co proceso levado a cabo ata o momento (Avaliación-Diagnose-Elaboración) o Concello, a través da Concellería de Muller e Igualdade pretende realizar un IV Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal que sirva de base nos vindeiros anos para a verdadeira transformación social da cidadanía de monfortina e contribúa de maneira efectiva á mellora da calidade de vida das mulleres e homes de Monforte.