O Alcalde presenta o proxecto para dotar a Monforte dunha “gran fonte, unha fonte de cidade” no centro do Parque dos Condes

Monforte de Lemos, 29 de outubro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou hoxe, en rolda de prensa, o proxecto de reforma do Parque dos Condes no que ten protagonismo a construción dunha Gran Fonte, unha “fonte de cidade, que será un novo elemento de atracción turística e un orgullo para todos os monfortinos e monfortinas”, en palabras do rexedor.

A fonte instalarase no centro do parque, entre a rúa Cardeal e o Cadrado, completando a urbanización da Zona D, actualmente en obras, e “dándolle a toda esta zona un aspecto singular e espectacular, todo elo integrado na trama urbana e paisaxística no conxunto da Compañía e o entorno do Cardeal”, indicou o Alcalde.

A actuación ten un orzamento de 677.018,89 euros e financiarase a través dun convenio xa asinado entre o Concello de Monforte e a Deputación de Lugo. Esta inversión, remarcou o Alcalde, “da idea de que vai ser unha fonte espectacular, sobre todo de noite, coa iluminación”.

A licitación do proxecto publicouse este mesmo mércores e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de novembro. Cumprido este prazo, as mesas de contratación reuniranse os días 26 de novembro e 3 de decembro, ambas ás 9.00 horas. Unha vez superada a fase de adxudicación e asinado o contrato, o prazo de execución será de 6 meses, polo que a fonte estará rematada antes de agosto de 2026, para podela desfrutar durante o verán.

 

Unha actuación completa de renovación

José Tomé recordou durante a presentación que, desde a súa chegada á Alcaldía, no ano 2015, o seu Equipo de Goberno recuperou fontes que quedaran sen uso durante a etapa anterior, como a das Casitas, Estación ou Parque da Compañía. Outras suprimíranse, como as de Correos, Florida ou Praza de España. Neste momento, dixo, “quero dar un paso mais e dotar a Monforte dunha fonte emblemática, que non sexa indiferente para os que vivimos aquí ou para os que nos visitan”.

As obras que se proxectan consisten na mellora da zona verde que se sitúa entre a rúa Cardeal e o Cadrado, actuando nunha superficie de 2.850 m2 na que, indicou Tomé, “leva anos sen actuarse e os firmes están deteriorados, así como as zonas verdes, polo que se xustifica unha actuación completa de renovación, tal como se recolle no proxecto”.

A actuación mais importante é a instalación dunha Fonte Circular de tamaño significativo, cun vaso de 25 m de diámetro na zona central do Parque, onde está agora o pequeno busto do Cardeal, que pasará a ubicarse no centro da rotonda da nova rúa da Zona D. Arredor da Fonte haberá un paseo de 5 m de ancho ao que se accede directamente dende o Cardeal e tamén dende o resto do Parque por catro accesos. Tanto estes catro accesos como o paseo circundante serán de pedra granítica de 12 cm de grosor, mentres que o paseo da zona máis próxima ao cadrado será de formigón pulido de color xabre.

Polo que respecta ás zonas verdes, reformaranse os parterres e serán transplantados ou substituídos un arce, un liquidámbar e dous cerezos reubicados dentro do propio Parque ou substituídos por outras árbores da mesma especie con cepellón. Polo que respecta aos acebos, serán transplantados noutras parcelas municipais.

Procederase tamén á mellora da iluminación da zona adaptándoa á nova distribución para o que se colocarán novas farolas similares ás existentes na actualidade. Así mesmo, e co obxectivo de poder desfrutar da nova fonte tanto de día como de noite iluminada, colocaranse o dobre de bancos dos que hai agora para que a xente estea o mais cómoda posible.

O  Alcalde explicou que “a intención é que a Fonte sexa observada desde a rúa do Cardeal coa finalidade de reactivar ese espazo central do parque, integrando elementos modernos para convertelo nun punto emblemático da cidade”.

 

Programación e efectos visuais

A instalación contará, ademais, con diferentes modos de programación adaptables a horarios de baixa e alta afluencia e shows especiais para momentos puntuais. “Terá un sistema de telecontrol e software específico que vai permitir xestionar de forma remota a programación e os efectos, e inclúe un control automático do vento, que axusta a altura dos surtidores para optimizar o consumo de auga e minimizar a dispersión en condicións climáticas adversas”, detallou o rexedor.

En concreto, contará con 5 efectos de auga distintos: surtidores verticais dinámicos, efectos parabólicos creando arcos elegantes, surtidores coroa con múltiples puntos de saída de auga e dous tipos de surtidor con movementos variables de altura e anchura. Estos efectos disporán de focos RGBW DMX que van permitir unha iluminación con efectos de cor personalizados, segundo a programación que se escolla.

O Alcalde quixo remarcar tamén que o deseño escollido “prioriza a eficiencia enerxética e a sostenibilidade, utilizando tecnoloxías que optimizan o consumo de auga e de electricidade, xa que a pretensión do proxecto é revitalizar a zona con responsabilidade ambiental e desenvolvemento urbano sostible”. A auga, engadiu, “será reutilizable e só se repoñerá a que se evapore ou derive polo vento que, en todo caso, será moi pouco consumo”.

En definitiva, concluíu o rexedor, “trátase dunha Fonte de instalación moderna e eficiente, deseñada para ofrecer espectáculos visuais cunha programación diferente que permitirá ter tantas fontes como momentos viva a cidade. Un proxecto que vai permitir que o Parque dos Condes sexa un espazo de referencia no lecer urbano e a revitalización deste entorno público, realzando o seu atractivo para convertelo nun punto emblemático”.

 

CARACTERÍSTICAS DA FONTE

-Medidas: 25 metros de diámetro e 75 cm de profundidade.

-Vaso: Único, de formigón armado e acabado en pedra en todo o seu contorno.

-Programación: Distintas posibilidades de programación para horarios de alta e baixa  afluencia, así como para horas puntuais de shows, con posibilidade de programacións específicas para datas sinaladas.

-Material: Todo o material será de aceiro inoxidable.

-Tratamento da auga: Filtración da agua mediante filtro con vidrio filtrante. Sistema automático de dosificación de cloro e reductor de pH e sonda de temperatura.

-Software: específico para fontes e con sistema de telecontrol.

-Bombas: en aceiro inoxidable, de diferentes potencias segundo o efecto.

-Rebosadeiro e vaciado en aceiro inoxidable.

-Prensa estopas de aceiro para entrada de cables na fonte.

-Tubaxes: colectores de aceiro inoxidable e tuberías de PEAD.

-Iluminación: Focos RGBW DMX de aceiro inoxidable AISI316 e vidrio antivandálico.

-Control de nivel: Sonda de nivel e recheo automático do vaso.

-Control de vento: Sistema que reduce a altura dos surtidores en caso de vento.

-Vaciado e rebosadeiro: Sistema de vaciado e rebosadeiro do vaso.

-Sala técnica soterrada para mantemento da fonte con sistema de ventilación, lava ollos, cadro eléctrico.