O Alcalde de Monforte participou na Comisión Executiva do Eixo Atlántico na que foi elixido novo presidente Miguel Fernández, Alcalde de Lugo

Monforte de Lemos, 13 de novembro de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou hoxe na Comisión Executiva do Eixo Atlántico, celebrada no salón de plenos do Concello de Lugo e na que se renovaron os cargos de presidente e vicepresidente. O alcalde lucense, Miguel Fernández, foi elixido como presidente deste organismo para os dous próximos anos, tomando o relevo de Luís Nobre, alcalde de Viana do Castelo, quen pasará a desempeñar o cargo de vicepresidente.

O Alcalde de Monforte, José Tomé, felicitou a Miguel Fernández pola elección como presidente desta institución integrada por concellos de Galicia e do Norte de Portugal, e desexoulle sorte nos novos retos que afronta nesta nova etapa.

Na reunión, á que asistiron tamén os rexedores de O Barco de Valdeorras e Pontevedra, e os representantes de Guimarães, Amarante, Mirandela, Bragança e Santa María da Feira por parte da delegación portuguesa, aprobouse tamén o orzamento do Eixo Atlántico para 2026, que ascende a 5,1 millóns de euros, e que deberá ratificar a Asemblea Xeral na próxima reunión, prevista para o mes de febreiro na Coruña.

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico celebrouse en Lugo como homenaxe á Muralla no seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade.