O Concello de Monforte súmase hoxe, 1 de decembro, á conmemoración do Día Mundial da Sida iluminando de vermello a Torre da Homenaxe

Monforte de Lemos, 1 de decembro de 2025. O Concello de Monforte iluminará a Torre da Homenaxe de cor vermello hoxe, 1 de decembro, para conmemorar o Día Mundial da SIDA, unha data de concienciación e sensibilización sobre o VIH, pero tamén de apoio a quen convive co virus e de recordo dos que faleceron por esta causa. Con motivo desta conmemoración, refórzase o compromiso coa saúde pública e, en especial, as accións de prevención do VIH co avance cara unha atención integral de calidade e coa loita contra o estigma asociado á Sida.

De feito, o VIH continúa a representar un reto para a sociedade. Porén, os progresos científicos, a dispoñibilidade de tratamentos eficaces e as políticas baseadas nos dereitos humanos permiten avanzar con firmeza cara un futuro con menos infeccións, maior esperanza e calidade de vida para as persoas que viven con VIH e unha convivencia social libre de discriminación.

Neste labor, a Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte convida a sumarse a esta conmemoración non só como lembranza, senón tamén a través da acción: “A resposta ao VIH é unha responsabilidade colectiva na que podemos mellorar a vida da cidadanía e axudar a construír unha sociedade máis xusta e saudable”.

Cada Día Mundial da Sida xira ao redor dun tema diferente. Neste 2025, o lema é “Superar as disrupcións, transformar a resposta á Sida”, incorporando toda unha lista de desafíos. Establecido en 1988, o Día Mundial da Sida foi o primeiro día dedicado á saúde en todo o mundo. Desde entón as axencias das Nacións Unidas, os Gobernos e a sociedade civil reúnense cada ano para loitar en determinadas áreas relacionadas co VIH.

En todo o mundo lévanse a cabo actividades de concienciación. Entre elas, levar un lazo vermello, que é o símbolo universal de apoio e a solidariedade coas persoas que viven co VIH. No Concello de Monforte, a Unidade Asistencial de Drogodependencias repartiu folletos informativos sobre as probas rápidas de detección de VIH que realizan de forma gratuíta e anónima no centro, así como lazos vermellos e calendarios conmemorativos deste día.