O Alcalde de Monforte recibe aos Reis Magos, que repartiron ilusión por toda a cidade

Monforte de Lemos, 5 de xaneiro de 2026. Como cada 5 de xaneiro, os Reis Magos de Oriente cumpriron o seu compromiso cos nenos e nenas de Monforte e visitaron a cidade do Cabe para repartir ilusión desde a súas carrozas e deixar os agasallos en todos os fogares do municipio. Este ano, e debido ás obras que se realizan na Estación, as Súas Maxestades comezaron a súa tradicional visita no parque Doutor López Suárez, fronte ao Cuartel da Garda Civil, onde foron recibidos, ás 17.30 horas, polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno.

A recepción oficial do Alcalde aos Reis Magos na súa chegada a Monforte tivo lugar na pista cuberta do Parque Doutor López Suárez e estivo amenizada pola actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte. Trala benvida do Alcalde, as Súas Maxestades saudaron aos nenos e nenas que ateigaron o parque para recibilos e repartiron entre eles os primeiros caramelos. 

Ás 18.30 horas comezou a Cabalgata, integrada por catro carrozas, unha coa Estrela de Nadal e tres para Melchor, Gaspar e Baltasar, cos seus paxes. Como é tradición, o alumnado de 6º de Primaria dos centros de ensino de Monforte exerceron de paxes na Comitiva Real, acompañando aos reis e lanzando confeti e serpentinas de papel entre os asistentes. O desfile contou tamén con animación musical e unha comparsa de figuras luminosas de osos e elefantes.

A Cabalgata partiu do Parque Doutor López Suárez e percorreu as rúas Rosalía de Castro, Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avenida de Galicia pola Ponte Nova, para finalizar na Praza do Campo de Santo Antonio fronte a Casa do Concello, onde os reis foron recibidos novamente polo Alcalde e o Equipo de Goberno. De seguido, subiron ao balcón da Casa Consistorial para pronunciar o discurso real e novamente repartir caramelos entre os asistentes, que encheron a praza.

Antes de continuar coa súa misión de facer realidade as peticións de nenos e maiores, as Súas Maxestades recibiron na planta baixa do Concello aos nenos e nenas que quixeron coñecelos e levar un recordo da súa visita, sacándose fotografías con eles.

O Alcalde, José Tomé, amosou a súa satisfacción por esta visita dos Reis Magos e polo éxito de participación non so na Cabalgata, senón en todos os actos do Programa de Festas de Nadal 2025-2026 deseñado polo Concello de Monforte, que contou cunha vintena de actividades dirixidas a todos os públicos: “Mañá, martes 6 de xaneiro Día de Reis, apagaremos o alumeado festivo que iluminou o Nadal na nosa cidade desde o 5 de decembro dinamizando as compras no comercio local, e daremos por finalizado o completo programa de actividades de Nadal que resultou todo un éxito de participación”, indicou o rexedor.