O Alcalde informa do aumento das licenzas de obra concedidas en 2025: “Unha boa mostra do impulso da actividade económica na nosa cidade”

Monforte de Lemos, 24 de xaneiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do importante aumento no número de licenzas de obra aprobadas o pasado ano 2025 pola Xunta de Goberno Local de Monforte. O incremento con respecto ao ano anterior sitúase nun 12,7% no cómputo total de licenzas, comunicacións previas e informes tramitados polos servizos urbanísticos do Concello. En palabras do rexedor, a tendencia positiva deste indicador “é unha boa mostra do impulso da actividade económica na nosa cidade e, polo tanto, da creación emprego”.

Tal e como reflexa o balance anual, a Xunta de Goberno Local do Concello aprobou ao longo de 2025 un total de 609 expedientes, nos que se inclúen tanto as licenzas de obra como as comunicacións previas e os informes. Son 69 máis que en 2024, no que foran concedidas 540, o que supón unha subida do 12,7%. O Alcalde destaca a relevancia deste bo ritmo da actividade urbanística no noso municipio, xa que “supón un pulo na dinamización económica da cidade”.

 

A obra nova aumenta un 43,75%

Das 609 licenzas, comunicacións previas e informes concedidas o pasado ano, 23 corresponden a obra nova fronte ás 16 de 2024, o que se traduce nun aumento do 43,75%. A maioría (un total de 20) refírense a edificacións de nova planta, e 3 son naves de gran envergadura no polígono industrial ou de explotacións gandeiras, xa que non se contemplan neste apartado pequenas naves agrícolas.

 

Pulo á rehabilitación: medra un 75%

O apartado con maior incremento da actividade no ano 2025 respecto do exercicio anterior é o das rehabilitacións. Aprobáronse 14 licenzas, comunicacións previas ou informes correspondentes a actuacións de rehabilitación integral, fronte ás 8 de 2024, polo que a subida neste ámbito é do 75%.

A maioría destas actuacións corresponden a proxectos de rehabilitación no centro histórico. Neste senso, o Alcalde, José Tomé, pon en valor os incentivos impulsados desde o Concello de Monforte a través de programas como as axudas á Rexeneración e Renovación Urbana do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, ao que está adherido o Concello de Monforte mediante convenio asinado co Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Precisamente, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 8 de setembro prorrogar ata o 31 de decembro de 2026 o prazo de execución das actuacións da Fase 11ª de intervención na ARI do Conxunto Histórico e Zonas de Respecto de Monforte de Lemos, e mantéñense activas as fases 12ª e 13ª. As tres fases deste programa suman 88 actuacións na denominada ARI do Conxunto Histórico e Zonas de Respecto de Monforte de Lemos.

Así mesmo, o 30 de decembro pechouse a convocatoria de axudas para actuacións a nivel de barrio, no entorno residencial de rehabilitación programada de Monforte de Lemos (ERRP Conxunto Histórico e Zonas de Respecto de Monforte de Lemos), financiada con Fondos Next Generation.

“A aposta deste Equipo de Goberno pola recuperación e posta en valor do Conxunto Histórico de Monforte é firme”, destaca o Alcalde, que fai especial fincapé no “impacto positivo deste programa de axudas encamiñadas a rehabilitar e revalorizar este espazo da nosa cidade”.

 

Reformas, obras menores exteriores e informes

No caso das reformas, o número de  licenzas,  comunicacións previas e informes aprobados pasou de 302 en 2024 a 303 no 2025, cun lixeiro aumento do 0,33%. Este ámbito recolle actuacións tanto en interiores como en exteriores, incluíndo fachadas, placas fotovoltaicas, baños, cociñas, pintura, canalóns, ascensores, etc.

Maior é o incremento na aprobación de obras menores exteriores, referidas a peches, alpendres, accesos a parcelas ou invernadoiros, entre outras actuacións. Neste caso, pasouse de 106 en 2024 a 159 en 2025, o que supón un 50% máis.

No caso dos informes, realizáronse 110 en 2025 fronte aos 108 de 2024, un 1,85% máis. Este apartado recolle principalmente ordes de execución, certificados urbanísticos, segregacións, etc.