O Alcalde anuncia a adxudicación das obras de reforma do Parque dos Condes: “Monforte contará cunha fonte espectacular este mesmo verán”

Monforte de Lemos, 27 de xaneiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anuncia a adxudicación definitiva do contrato de reforma do Parque dos Condes á empresa Misturas SA por un importe de 636.334,16€ e un prazo de execución de 4 meses dende que se asine a acta de replanteo. A Xunta de Goberno Local deste luns, 26 de xaneiro, aprobou a adxudicación á citada firma por ser, entre as dúas propostas presentadas, a que obtivo a mellor puntuación. Deste xeito, apunta o rexedor, “Monforte contará cunha fonte espectacular este mesmo verán, unha fonte de cidade que será un novo elemento de atracción turística e un orgullo para todos os monfortinos e monfortinas”.

O procedemento de contratación abriuse o pasado mes de outubro coa licitación do contrato, que partiu dun orzamento base de 677.018,89€ financiados a través dun convenio xa asinado entre o Concello de Monforte e a Deputación de Lugo.

A reforma prevista afecta ó espazo delimitado polo Cadrado, a Zona D e a rúa Cardenal, e inclúe a instalación dunha fonte circular de 25 metros de diámetro rodeada por un paseo de 5 metros de ancho. En palabras do Alcalde, unha “fonte de cidade, unha instalación moderna e eficiente, que vai permitir que o Parque dos Condes sexa un espazo de referencia no lecer urbano”.

A fonte instalarase no centro do parque, entre a rúa Cardeal e o Cadrado, completando a urbanización da Zona D, actualmente en obras, e “dándolle a toda esta zona un aspecto singular e espectacular, todo elo integrado na trama urbana e paisaxística do conxunto da Compañía e do entorno do Cardenal”, indica o Alcalde.

 

Unha actuación completa de renovación

José Tomé xa indicara na presentación deste proxecto o pasado mes de outubro que, desde a súa chegada á Alcaldía no ano 2015, o seu Equipo de Goberno recuperou fontes que quedaran sen uso durante a etapa anterior, como a das Casitas, a Estación ou a do Parque da Compañía. Outras suprimíranse, como as de Correos, Florida ou Praza de España. Coa instalación desta nova fonte, apuntou, “quero dar un paso máis e dotar a Monforte dunha fonte emblemática, que non sexa indiferente para os que vivimos aquí ou para os que nos visitan”.

As obras adxudicadas comprenden unha superficie de 2.850 m2 na que leva anos sen actuarse, polo que se xustifica unha actuación completa de renovación. A actuación mais importante é a instalación dunha fonte circular de tamaño significativo, cun vaso de 25 m de diámetro na zona central do Parque, onde está agora o pequeno busto do Cardenal, que pasará a ubicarse no centro da rotonda da nova rúa da Zona D. Arredor da Fonte haberá un paseo de 5 m de ancho ao que se accede directamente dende o Cardeal e tamén dende o resto do Parque por catro accesos. Tanto estes catro accesos como o paseo circundante serán de pedra granítica de 12 cm de grosor, mentres que o paseo da zona máis próxima ao cadrado será de formigón pulido de color xabre.

Polo que respecta ás zonas verdes, reformaranse os parterres e serán transplantados ou substituídos un arce, un liquidámbar e dous cerezos reubicados dentro do propio Parque ou substituídos por outras árbores da mesma especie con cepellón. Os acebos, pola súa banda, serán transplantados noutras parcelas municipais.

Procederase tamén á mellora da iluminación da zona adaptándoa á nova distribución para o que se colocarán novas farolas similares ás existentes na actualidade. Así mesmo, e co obxectivo de poder desfrutar da nova fonte tanto de día como de noite iluminada, colocaranse o dobre de bancos dos que hai agora para que a xente estea o mais cómoda posible.

O  Alcalde explicou que “a intención é que a fonte sexa observada desde a rúa do Cardenal coa finalidade de reactivar ese espazo central do parque, integrando elementos modernos para convertelo nun punto emblemático da cidade”.

 

Programación e efectos visuais

A instalación contará, ademais, con diferentes modos de programación adaptables a horarios de baixa e alta afluencia e shows especiais para momentos puntuais. “Terá un sistema de telecontrol e software específico que vai permitir xestionar de forma remota a programación e os efectos, e inclúe un control automático do vento, que axusta a altura dos surtidores para optimizar o consumo de auga e minimizar a dispersión en condicións climáticas adversas”, detallou o rexedor.

En concreto, contará con 5 efectos de auga distintos: surtidores verticais dinámicos, efectos parabólicos creando arcos elegantes, surtidores coroa con múltiples puntos de saída de auga e dous tipos de surtidor con movementos variables de altura e anchura. Estos efectos disporán de focos RGBW DMX que van permitir unha iluminación con efectos de cor personalizados, segundo a programación que se escolla.

O Alcalde destaca que o deseño escollido “prioriza a eficiencia enerxética e a sostenibilidade, utilizando tecnoloxías que optimizan o consumo de auga e de electricidade, xa que a pretensión do proxecto é revitalizar a zona con responsabilidade ambiental e desenvolvemento urbano sostible”. A auga, engade, “será reutilizable e só se repoñerá a que se evapore ou derive polo vento que, en todo caso, será moi pouco consumo”.