As obras de urbanización da Zona D suspéndense 15 días a causa das intensas chuvias que embarran o terreo

Monforte de Lemos, 2 de febreiro de 2026. A empresa adxudicataria das obras de urbanización con dotación de servizos da Zona D suspende os traballos durante un prazo de 15 días debido ás condicións meteorolóxicas. A Xunta de Goberno Local de Monforte acordou na sesión deste luns, 2 de febreiro, aprobar a solicitude presentada pola empresa adxudicataria debido ás inclemencias do tempo.

O Alcalde, José Tomé Roca, informou ao remate da reunión que “as previsións, con precipitacións intensas e fortes ventos, poderían afectar ao rendemento dos traballos e á boa execución das obras pendentes, por tal motivo, acordamos aceptar a solicitude da empresa de suspensión”. Neste senso, indicou que a petición foi formulada pola empresa e revisada pola dirección de obra, que considerou xustificada a petición. O rexedor explica que debido á chuvia acumulada o terreo está embarrado, o cal dificulta os traballos: “As máquinas entérranse no barro, e isto afecta a limpeza e mesmo á calidade dos traballos que se están facendo”, indicou.

Así mesmo, indicou que, unha vez retomadas as obras, o prazo de execución restante é de 4 meses.

 As obras de urbanización da Zona D, un espazo de máis de 3.200 m2 situado entre a céntrica rúa Cardenal e o río Cabe, adxudicáronse á empresa Extraco S.A. por un importe de 420.495,57€. Ademais da urbanización do espazo, as obras inclúen a dotación de servizos e conexión con redes do sistema xeral da rúa Cardenal. Concretamente, instalacións de saneamento de residuais e pluviais, abastecemento de auga, enerxía, alumeado, telecomunicacións e gas. O proxecto complétase coa pavimentación, xardinería e mobiliario.

 

A nova Zona D mellorará o urbanismo do centro da cidade

Os terreos correspondentes á denominada Zona D están ubicados entre o paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da avenida de Galicia e da rúa Cardenal. A superficie total ascende a 3.274 m2, pertencentes a 35 propietarios ou herdeiros, incluída unha comunidade de garaxe. Concretamente, trátase de 1.932 metros de solo privado e 1.342 metros de terreo público.

O Alcalde destaca que “ao igual que pasou na rúa Rof Codina, tamén chamada Zona C, o proxecto da Zona D vai permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza, abrindo un novo vial que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Cabe. Así mesmo, vai xerar novas parcelas edificables con baixo impacto e tamén unha pequena zona verde, que mellorará e poñerá en valor esa zona que se proxecta cara o monumento da Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios. Estamos convencidos de que na Zona D ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”.

Neste senso, o rexedor remarca que o desenvolvemento deste proxecto “é un paso máis no meu compromiso de mellorar o urbanismo da cidade, neste caso creando un novo espazo urbano nunha zona emblemática da cidade, como é entorno do Cardenal e o Parque dos Condes”.